O BNG de Ponteareas acusa ao PP e Solla de falta de transparencia, censura e covardía política

O BNG de Ponteareas acusa ao PP e Solla de falta de transparencia, censura e covardía política

O BNG de Ponteareas acusou ao alcalde do Partido Popular, Salvador González Solla, de censura, falta de transparencia e covardía política, por impedir a gravación do Pleno celebrado na noite do martes 16 de setembro. O Alcalde prohibiu a gravación do Pleno por parte das mocidades do BNG, Galiza Nova, e ordenou á Policía Local retirar a cámara que estaba gravando, cando non supuña ningún problema para o normal desenvolvemento do Pleno e non afectaba ao público asistente nin a ningunha persoa concelleira para realizar correctamente as súas funcións.

O Portavoz do BNG, Xosé Represas, instou ao Alcalde a continuar Pleno sen impedir a gravación porque os membros de Galiza Nova estaban exercendo un dereito para que os debates dos Plenos, a información, puideran estar a disposición da cidadanía de Ponteareas, e non se producía ningún tipo de alteración do orde público. Non había por tanto ningún motivo para expulsar do pleno as persoas que querían gravar como o Alcalde ordenou á Policía Local, ameazando incluso con suspender o Pleno.

policia_retira_camaraOs membros de Galiza Nova insistiron na legalidade dos seus actos e reclamaron de forma reiterada que se lles mostrase a normativa que indicase o contrario. "É un acto público e pódese gravar, é un dereito", manifestaron.

Os nacionalistas acusan ao PP e Solla de ignorar a Constitución e as distintas resolucións do Tribunal Supremo que amparan o dereito de calquera persoa a gravar as intervencións dos Concelleiros e Concelleiras nunha sesión pública do Pleno Municipal. As resolucións do Defensor del Pueblo son claras: “as sesións dos plenos son públicas e, como tales, son susceptibles de ser gravadas e difundidas nos medios”

O portavoz do BNG considera que esta é unha mostra máis da falta de transparencia e da covardía política dun goberno inútil para Ponteareas, e lembrou que o Concello de Ponteareas ocupa o penúltimo posto en transparencia e información á cidadanía, segundo un estudio universitario dado a coñecer o pasado mes de xullo que deixa a Ponteareas cunha cualificación de “moi deficiente”.

A maioría da Corporación insta ao goberno do PP a resolver a licenza de Ecocelta e advertiu ao Alcalde da responsabilidade patrimonial na que podía incorrer

No debate sobre a licenza solicitada pola empresa Ecocelta, en xaneiro de 2013, para a realización de obras de mellora ambiental integrada, a maioría da Corporación -todos os Grupos da Oposición- instaron a Solla e ao goberno do PP a resolver con urxencia a tramitación desta licenza para evitar que a empresa perda unha subvención da Xunta de Galiza de máis de 60.000 euros. BNG, ACIP e PSOE tamén advertiron ao Alcalde da responsabilidade patrimonial na que podía incorrer pola demora na tramitación sen xustificación e lembraron que xa conta con informe urbanístico favorable da Arquitecta Municipal dende maio de 2013 e 16 meses despois, o goberno de Solla e PP, seguen sen conceder a licenza.

VÍDEO DO PLENO:

O Alcalde de Pontareas impide gravar o Pleno de Setembro de 2014