O BNG pide a revisión da taxa da auga e o contrato da ETAP incautado pola policía xudicial

O BNG pide a revisión da taxa da auga e o contrato da ETAP incautado pola policía xudicial

Os nacionalistas advirten que non se pode cobrar a taxa da planta potabilizadora, contrato aprobado por PP, ACIP e PSOE aos veciños que non reciben ese servizo

Pleno_febreiroO BNG anunciou que solicitarán a revisión da taxa polo tratamento da auga e do contrato de mantemento da planta potabilizadora, ETAP, decisión aprobada no Pleno de outubro por PP, ACIP e PSOE á que se opuxo o BNG. O contrato da ETAP, acordado como unha ampliación do existente coa empresa AQUAGEST, foi un dos expedientes incautados pola policía xudicial durante a intervención do concello de Ponteareas, o pasado 18 de febreiro dentro da “operación Patos”.

O recibo da auga e saneamento sube un 17%

Os nacionalistas advirten da existencia de vivendas que non reciben auga tratada na planta potabilizadora, veciños aos que non se lles pode cargar a cota trimestral do servizo de tratamento, tal como foi aprobada. Os nacionalistas convocarán unha Comisión Informativa para tratar estes casos e a aplicación da suba no recibo trimestral que os veciños recibirán nos vindeiros días. “Esta suba representa un incremento medio anual do 17% no recibo da auga e do saneamento”, indicou o portavoz do BNG, Xosé Represas.

Ponteareas factura un 40% máis da auga que consume

represas_febreiroO BNG, con independencia e compatibilidade co procedemento xudicial en curso, solicita que o Concello revise as contas coa empresa concesionaria dos servizos de distribución de auga potable e de sumidoiros, tal como figura no contrato aprobado en 1998. “Segundo os datos da propia empresa concesionaria, que figuran no expediente do contrato da planta potabilizadora, Ponteareas factura un 40% máis da auga que se consume, como consecuencia de aplicar un mínimo que en moitos fogares é moi superior ao consumo real, un dato que vai en contra dun consumo responsable e de pagar polo uso que se fai dun servizo. O consumo real é de 947.175 m3/ano e a facturación é por 1.320.000 m3/ano, unha situación que non se pode manter ata o ano 2020” manifestou Represas con relación á data de finalización do contrato coa empresa.

O Concello ten a obriga de fiscalizar a actuación da concesionaria. Os nacionalistas sinalan a normativa de servizos das Corporacións locais, cando dispón que a Corporación ostentará respecto da concesionaria a potestade de “fiscalizar a xestión do concesionario, a cuxo efecto poderá inspeccionar o servizo, as súas obras, instalacións e locais e a documentación relacionada co obxecto da concesión e ditar as ordes para manter ou restabelecer a debida prestación”.

"A distribución de auga potable é un servizo público básico e como tal debemos velar para contar cun servizo de calidade e para todos a uns prezos en relación co servizo e o consumo que se fai”, afirmou o portavoz do BNG