O BNG pedirá no Pleno a dimisión de Solla e Villar, tras novas revelacións da trama de corrupción

O BNG pedirá no Pleno a dimisión de Solla e Villar, tras novas revelacións da trama de corrupción

villar solla pleno 0915O BNG de Ponteareas, a través do seu responsábel local Santiago Domínguez, anunciou que os nacionalistas levarán ao vindeiro pleno ordinario unha moción na que instarán ao ex-alcalde Salvador González Solla e a ex-concelleira de Facenda, Belén Villar a presentar a súa dimisión “por corruptos”.

O responsábel nacionalista salientou que a investigación policial coñecida como Operación Patos conclúe que ambos os dous concelleiros do PP cometeron delitos de prevaricación, falsidade documental e contra a facenda pública. “Os feitos son escandalosos e as conversas intervidas a Villar, nas que esta celebra co dono da empresa Eiriña os contratos a dedo, son gravísimas”, asegurou o nacionalista.

Ademais, o BNG agarda que no Pleno a concelleira Belén Villar “dea a cara e explique o tráfico de influencias ao que recurríu para amañar contratos coa empresa da súa irmá”. VillarO Bloque refírese as últimas revelacións do sumario da Operación Patos, onde se recollen conversas telefónicas intervidas á concelleira do PP nas que esta participa no amaño dun contrato coa Xunta de Galicia a favor dunha empresa de formación da súa irmá.

Os nacionalistas van máis alá e cren que “a empresa da irmá de Belén Villar puido ser beneficiada con máis contratos en institucións gobernadas polo PP, desde a Xunta ou a Deputación ata concellos”, polo que piden que “se abra unha investigación a fondo para comprobar cantos contratos e porque importe recibiu esa empresa nos últimos anos”.

Que se revise ata debaixo das perdas

Os nacionalistas piden que o goberno presidido por Represas leve adiante a comisión de investigación que anunciou o alcalde e “se revise ata debaixo das pedras. Se o diñeiro do Concello de Ponteareas estivo durante moitos anos baixo o control dunha corrupta como Belén Villar, podemos esperarnos calquera cousa. Hai que investigar” concluíu Santiago Domínguez.

Para o BNG, “a soberbia e a prepotencia de Belén Villar cando era concelleira de Facenda, presumindo da súa xestión, simplemente era unha pantalla que escondía a un personaxe corrupto e sen escrúpulos á hora de utilizar o seu cargo público para beneficiar á súa familia con cartos de todos os cidadáns”.

Respecto a Solla, o Bloque salienta que a investigación policial demostra que “que o ex-alcalde, tal e como denunciara o BNG, recibiu regalos da empresa á cal lle deu a dedo un importante servizo municipal”. Para os nacionalistas, “Solla e Villar pasarán a historia de Ponteareas pola patética fuxida pola ventá do Concello e por ter sido uns corruptos”.