O BNG leva a Pleno a devolución das taxas ilegais cobradas polo goberno do PP no Concello

O BNG leva a Pleno a devolución das taxas ilegais cobradas polo goberno do PP no Concello

O BNG de Ponteareas, diante da negativa do Concelleira de Facenda do Partido Popular, Belén Villar, a recoñecer o seu erro e devolver os cobros ilegais realizados por presentar instancias, anunciou que levará a Pleno unha moción para devolver esta taxa a todos os veciños e veciñas ás que a concelleira de Facenda obrigou a pagar indebidamente. “Se Belén Villar quer incrementar os ingresos para tapar os buratos da bancarrota creada polo PP, en lugar de recuperar ordes ilegais dos tempos de José Castro, o que ten que facer é reclamarlle a devolución de 9.000 euros ao exalcalde e a cinco concelleiros do PP”, aseguraron os nacionalistas.

O BNG lembra que Belén Villar propuxo hai tres meses, no Pleno, a suba da Ordenanza por Expedición de Documentos na que se ampara para cobrar por presentar instancias. Por iniciativa do BNG, o Pleno acordou paralizar a suba que propoñía Villar e que Intervención realizase un estudio sobre a súa aplicación e xestión.

Villar, no seu afán recadatorio, en lugar de cumprir o acordo plenario, deu orde de cobrar por presentar calquera instancia dirixida ao Concello, algo que é ilegal, e agora dí que vai propor anular a taxa, trala denuncia do BNG. Para os nacionalistas, esta atitude de Villar só se pode cualificar de “incompetencia e cinismo político, propia dalguen que prefire acudir a mentira compulsiva antes que asumir os seus fracasos".

Os nacionalistas cualificaron de “lamentable” a actuación reincidente de Belén Villar coas súas mentiras para xustificar o cobro dunha taxa ilegal.