O BNG leva a Pleno a dación en pago e reclamará a paralización dos desafiuzamentos

O BNG leva a Pleno a dación en pago e reclamará a paralización dos desafiuzamentos

O BNG de Ponteareas, a través do concelleiro Serxio Covas, deu conta da moción na que o BNG propón solucións para acabar co drama dos desafiuzamentos. Trátase dunha iniciativa na mesma liña das propostas presentadas no Parlamento e no Congreso dos Deputados. Os nacionalistas  demandan do Goberno do Estado á modificación da Lei Hipotecaria para dar solución ao grave drama social dos desafiuzamentos por impago das hipotecas.

O concelleiro do BNG puxo de manifesto que “non nos vale o novo decreto do goberno e o diálogo de PP e PSOE, porque é unha auténtica burla que non resolve nada”. A este respecto, Serxio Covas sinalou que o PSOE “foi responsábel tamén no seu momento de non adoptar ningunha medida”. Lembrou que o BNG leva presentando desde o ano 2010 iniciativas no Congreso para que se resolvan os problemas das familias con dificultades para pagar as súas hipotecas, iniciativas que foron rexeitadas polo PP e PSOE. “Se se tivesen tomado as medidas necesarias que propuxemos, este drama evitaríase”, apuntou Covas.

“O BNG propón medidas contundentes”

Serxio Covas afirmou que “de nada valen lamentos e panos quentes a un problema que esixe medidas contundentes, modificacións na lexislación hipotecaria e solucións claras e firmes, por iso propoñemos medidas contundentes”. Así, o BNG recolle na moción a modificación da Lei Hipotecaria, que teña carácter retroactivo, e da Lei de Enxuiciamento Civil.

Entre outras medidas, o BNG pide contemplar a dación en pago ou extinción do crédito coa entrega da vivenda habitual, garantindo o aluguer social da vivenda, máxime cando haxa menores ou persoas dependentes. O Bloque Nacionalista Galego tamén esixe  estabelecer un réxime especial no caso da execución de préstamos cando se refire á vivenda habitual ou aos negocios comerciais, contemplar moratorias para deixar o pagamento das cotas hipotecarias temporalmente en suspenso cando se produzan circunstancias económicas alleas a súa vontade como a perda de emprego ou o peche dun negocio.

 Demandamos a modificación da lei hipotecaria e consideramos unha burla o decreto do PP

No ámbito municipal o BNG reclama a creación dunha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamentos, reclamar das entidades bancarias e de aforro información sobre posíbeis desafiuzamentos que afecten a familias do concello, a paralización dos que estean en marcha e a súa colaboración coa Comisión Municipal creada para Casos de Desafiuzamento e, se non houber colaboración, prescindir dos servizos que as mesmas poidan prestar ao Concello