O BNG leva ao Parlamento Galego a paralización da nova escola infantil de Ponteareas

O BNG leva ao Parlamento Galego a paralización da nova escola infantil de Ponteareas

O BNG presentará no Parlamento Galego unha iniciativa na que pregunta ao Goberno da Xunta pola vixencia do convenio para a construción da nova escola infantil de Ponteareas. Esta actuación está paralizada dende hai 4 anos pola incapacidade do PP para avanzar no PXOM e modificar a cualificación urbanística da parcela prevista para a súa construción.

Represas_candidato_2O goberno do PP na Xunta é tan responsable como o goberno do PP no Concello desta paralización. “O goberno de Feijoo asinou un convenio comprometéndose a que a obra estaría rematada en 2013. A Conselleira Beatriz Mato asinou un convenio sendo coñecedora de que a parcela non reunía as condicións urbanísticas necesarias, e neste tempo, nin Concello nin Xunta realizaron ningún trámite para que puidese construírse”, manifestou o portavoz e candidato do BNG á alcaldía de Ponteareas, Xosé Represas.

Represas tamén manifestou que “a escola infantil, como actuación promovida pola Xunta e sendo como é unha obra de interese público, pode acollerse ao previsto no artigo 198 da Lei do Solo, que indica que o Consello da Xunta de Galiza pode aprobar a execución do proxecto e se é preciso modificar o planeamento da parcela, pero todos estes anos o goberno do PP non fixo nada de nada”

Os nacionalistas apostan por acollerse a esta posibilidade, prevista na lei do solo, moito máis rápida que esperar a aprobación definitiva do PXOM, por iso esixirán da Xunta a súa tramitación.

O BNG solicitará do Goberno Galego un compromiso firme e real para a construción da nova escola infantil de Ponteareas. Represas considera que sería “moi grave” que existindo un compromiso nos orzamentos do Estado dende 2010 para esta construción, estes fondos se perdesen pola falta de xestión do PP tanto na Xunta como no Concello.

O PP non fixo nada en catro anos para que se puidese construír a nova escola infantil

O portavoz do BNG explicou que en 2010, asinouse un convenio entre o Ministerio de Educación e o Goberno Galego para a financiación dun centro con 74 prazas públicas no primeiro ciclo de educación infantil en Ponteareas, “un concello no que cada ano, un cento de nenas e nenos quedan sen praza na escola infantil municipal existente”. Represas lembrou que a propia Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, na súa visita a Ponteareas o 21 de maio de 2012, “retratouse” co goberno local na parcela prevista para a nova escola infantil e o 8 de agosto de 2012 encomendou a súa construción ao Consorcio Galego de Benestar. “Só propaganda electoral antes das últimas eleccións autonómicas, a día de hoxe non hai nin proxecto das obras a executar”, afirmou o portavoz do BNG.