O BNG leva ao Congreso o enlace de Puzo coa A-52 que Fomento deixa sen conexión cara Ourense

O BNG leva ao Congreso o enlace de Puzo coa A-52 que Fomento deixa sen conexión cara Ourense

A deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, ven de rexistrar unha iniciativa no Congreso sobre o proxecto de remodelación do enlace de Puzo coa autovía Rías Baixas que só contempla a conexión co vial do Porto Seco e exclúe a estrada provincial PO-9006 Ponteareas-As Neves

O BNG desexa coñecer as razóns da decisión do goberno do Partido Popular para excluír a máis de 20.000 veciños da conexión coa A-52 en dirección a Ourense.

A súa vez, o portavoz do BNG en Ponteareas, Xosé Represas, tamén anunciou que pedirá o apoio da Corporación ás alegacións presentadas polos nacionalistas, dentro do prazo de exposición pública que rematou o pasado día 13, para que o Ministerio de Fomento rectifique o proxecto e inclúa un enlace completo.

Por último, os nacionalistas lamentan o despilfarro de cartos públicos, o diñeiro dos impostos de todos, que está realizando a Xunta nestas semanas, realizando un vial de conexión da estrada provincial coa PLISAN, vial que o proxecto de Fomento elimina. “Un destrago de centos de miles de euros, polas improvisacións e chapuzas dos gobernos do PP na Xunta e no Estado coa compracencia dos Alcaldes do PP na comarca” apuntaron os nacionalistas.