O BNG lamenta que o PP vote no Congreso en contra dos intereses de Ponteareas

O BNG lamenta que o PP vote no Congreso en contra dos intereses de Ponteareas

Represas_candidato_2Xosé Represas, candidato do BNG á alcaldía de Ponteareas, lamentou a decisión do Partido Popular de votar no Congreso dos Deputados en contra dos intereses de Ponteareas, “o PP ten votado no Pleno do Concello a favor das propostas do BNG para esixir ao Estado investimentos básicos para o futuro de Ponteareas e que son responsabilidade do Estado como a circunvalación, agora o PP en Madrid volveu a esquecerse de Ponteareas e votou en contra de destinar 1,5 millóns de euros para a circunvalación en 2015”, declarou Represas.

O candidato nacionalista lembrou que un ano máis, os orzamentos do Estado para o ano 2015, volven a marxinar a Ponteareas ao asignar unha partida ridícula que logo nin se executa. “Para que a circunvalación, ou conexión de Ponteareas coa autovía en Moreira, sexa algún día unha realidade precisa dun compromiso concreto de execución cunha consignación plurianual”

O PP perdeu a última oportunidade de cumprir as súas promesas sobre a circunvalación

Os nacionalistas cualificaron de fracaso para Ponteareas os distintos gobernos do Estado, tanto do PSOE coma do PP, “nos últimos 20 anos non pasaron de prometer a circunvalación, con fotos, anuncios de estudios, ou as promesas de Rajoy, Feijoo, a actual ministra de Fomento Ana Pastor, Castro ou Solla”. Os nacionalistas pídenlle ao PP local que repasen as promesas que realizaron todos estes anos, “2015 é o último ano do mandato para cumprilas pero co presuposto que van aprobar, todas eses compromisos van quedar esquecidos”.

Represas lembrou que a circunvalación é unha das prioridades de Ponteareas. Esta actuación, demandada por toda a Corporación e todos os colectivos sociais dende hai anos, ten como obxectivo mellorar as condicións de circulación do tráfico rodado no interior do núcleo urbano de Ponteareas e tamén mellorar a conexión do concello e da estrada N-120 coa Autovía das Rías Baixas (A-52).