O BNG lamenta que a oposición non se poña do lado da veciñanza na aprobación do PXOM

Villar afirma que a dereita non aprobou o PXOM en 12 anos por culpa do BNG e PSOE e González responsabiliza a Mera da suspensión das normas en 2002
O BNG lamenta que a oposición non se poña do lado da veciñanza na aprobación do PXOM

O BNG, a través do seu concelleiro Roberto Mera, lamentou no último Pleno “que PP e ACIP non aproveitaran a ocasión para cambiar a súa postura e poñerse do lado do goberno e da veciñanza apoiando o PXOM”. Mera bromeou acusando á oposición de “querer converter un acto administrativo de trámite nun drama e unha traxedia. PP e ACIP gobernaron 12 anos, foron incapaces de aprobar o PXOM, opuxéronse á aprobación en agosto e agora póñense histéricos por un suposto retraso de tres meses que nin sequera é certo”.

O edil nacionalista retou a Villar e González Carrera a explicar por que motivo non foran capaces de aprobar en 12 anos o PXOM. González Carrera eludiu a resposta e Villar culpou ao BNG e PSOE, minoritarios neses doce anos, acusándoos de impedilo sen aclarar de que maneira. González Carrera tamén culpou a Mera de ser o responsable da decisión da Xunta en 2002 de suspender as normas urbanísticas, acusación á que o nacionalista respondeu negando que lle correspondese “ese mérito”, pero agradecendo ironicamente a González Carrera “o eloxio, que incluirei no meu currículo”.

Por último, Mera volveu pedir a González Carrera e a Villar que asuman responsabilidades políticas pola suspensión das normas urbanísticas en 2002, pola anulación de licenzas como a do Eroski e por non aprobar o PXOM en 12 anos causando prexuízos económicos como o pago de 1.500 euros mensuais polo parque Ferro-Ucha.