LEMBRAN QUE PASARON 20 ANOS DE PROMESAS CON GOBERNOS DO PP E DO PSOE

O BNG lamenta o erro do PSOE e o cinismo do PP coa circunvalación

Visita recente do deputado do BNG, Luís Bará
Visita recente do deputado do BNG, Luís Bará

Nemesio Boente salientou “o papel do alcalde unindo a todas as forzas e sociedade para facer unha fronte común"

O BNG lamenta o erro do PSOE e o cinismo do PP coa circunvalación

O BNG de Ponteareas lamentou “o gravísimo erro do PSOE ao retirar dos orzamentos a partida para a circunvalación e reducir a das melloras na N-120”. Os nacionalistas acusaron tamén ao PP de practicar “un penoso cinismo e hipocrisía con este incumprimento do que son culpables a partes iguais populares e socialistas”.

Dende o Bloque lembran que “a circunvalación prometeuse por vez primeira hai máis de 20 anos. Desde aquela tivemos o goberno de Aznar, Zapatero, Rajoy e agora Sánchez. Polo tanto, PP e PSOE son os responsables de que en 20 anos sigamos igual”.

Nemesio Boente, BNGO Responsable Local do BNG, Nemesio Boente, asegurou que “os ponteareáns xa non se cren o xogo trileiro e falsario dos partidos estatais. Cando goberna o PP, o PSOE esixe a circunvalación e viceversa, cando gobernan os socialistas, son os populares os  que esixen a obra. É todo puro teatro fariseo a costa de Ponteareas”.

Para Boente “o problema radica en que en Madrid, Galiza e os nosos intereses non contan para nada. O BNG presentou durante décadas emendas a cada orzamento para facer a circunvalación e o PP ou o PSOE as rexeitaban se gobernaban e as apoiaban se estaban na oposición. Son uns profesionais da hipocrisía e do oportunismo”.

Por último, o BNG considera “patético” que o PP culpe a Xosé Represas desta situación. “Se alguén non ten ningunha responsabilidade é o BNG, Represas e o Concello de Ponteareas. Non podemos ter responsabilidade en algo que non está na nosa man”, aclarou Boente, quen salientou “o papel do alcalde unindo a todas as forzas e sociedade para facer unha fronte común por vez primeira ante ao Estado e a Xunta”.