“O QUE TIÑAN QUE FACER BELÉN VILLAR, SOLLA E O PP ERA PEDIR PERDÓN E MARCHAR PARA CASA”

O BNG lamenta a desesperación e o delirio do PP ponteareán

O BNG lamenta a desesperación e o delirio do PP ponteareán

O BNG de Ponteareas sae ao paso das recentes declaracións do Partido Popular referentes á praza de Técnico de Intervención. O BNG sinala que “o PP xa non sabe que facer nin que dicir, e esta desesperación lévaos á máxima expresión do delirio”. Dende o Bloque aclaran que “ante a falta de cobertura do posto de Técnico de Intervención, que contaba con informes favorables, decidiuse transformar a praza en viceinterventor, para que poida ser cuberta por un habilitado estatal”.

O BNG, que aclara que non existe condena de ningún tipo, recalca que “non imos aceptar leccións éticas nin morais do PP, e menos despois de que empregasen na súa etapa de goberno recursos municipais para a defensa persoal no Xulgado nos casos nos que o exalcalde Solla estaba imputado”.

Ante a proposta do PP ao Pleno para que sexa Represas o que pague as costas xudiciais da denuncia que eles mesmos presentaron pola praza de Técnico de Intervención, o BNG indica que “se algo ten que aprobar o Pleno é a reclamación a Solla, Villar e todo o seu goberno das moitas condenas ás que hai que facer fronte co diñeiro de toda a cidadanía pola súa nefasta xestión”.

Neste sentido, dende o Bloque lembran unha das múltiples condenas xudiciais ás que ten que facer fronte o goberno actual pola xestión ruinosa de Villar e Solla. O BNG lembra que “as sentencias de intereses de demora por impagos á empresa de recollida do lixo, FCC, suman mais de 360.000 euros, só de intereses por non pagar mensualmente as facturas da recollida do lixo, desviando o diñeiro das taxas que pagan os veciños e veciñas”.

“O que tiñan que facer Belén Villar, Solla e todo o anterior goberno do PP era pedir perdón ás ponteareás e marchar para casa por todo o dano provocado”, indican os nacionalistas.