AMBOS GRUPOS FUXIRON E IMPEDIRON QUE SE DEBATESE NO PLENO A ADXUDICACIÓN DO CONTRATO DE OBRAS DE INSTALACIÓN DUNHA REDE DE CALOR CON BIOMASA

O BNG lamenta que a covardía e irresponsabilidade do PP e ACIP castigue gravemente aos veciños de Ponteareas

O BNG lamenta que a covardía e irresponsabilidade do PP e ACIP castigue gravemente aos veciños de Ponteareas

Os grupos municipais do PP e ACIP veñen de impedir, por segunda vez, que o pleno de Ponteareas aprobe a adxudicación do contrato de obras por importe de máis de 1 millón de euros para dotar a Ponteareas dunha rede de calor con biomasa. Este impedimento produciuse ao decidir os concelleiros de ambos grupos municipais abandonar o pleno extraordinario antes de votar a celebración do mesmo.

Sobre esta ausencia do Pleno, o BNG sinala que “cando un grupo político se presenta a unhas eleccións asume unhas responsabilidades. Pode decidir votar en contra, pero non dar a cara co voto e fuxir dun pleno para impedir que se celebre é unha clara mostra de covardía e irresponsabilidade política”. Así mesmo, tal como indicou o alcalde Xosé Represas no pleno, os concelleiros do BNG renunciarán á asignación económica que lle corresponde pola asistencia ao pleno.

O BNG sinala que, malia que o goberno local conseguiu a subvención para desenvolver o proxecto presentado, “dende o Partido Popular levan pondo atrancos dende o momento no que o goberno anunciou a intención de realizar a obra, intentando torpedear para que Ponteareas non contase con esta rede de calor por biomasa para os edificios públicos”.

O proxecto produce beneficios sociais, ambientais e económicos

Sobre o proxecto presentado polo goberno local, o BNG lembra que produce beneficios sociais, ambientais e económicos. Dende o Bloque explican que esta rede de calor substituiría o gasoil da calefacción dos edificios públicos por recursos naturais como a astilla procedente dos montes da comarca, o que suporía un aforro enerxético, un aforro económico e unha inversión que fomentaría o emprego local.

“O PP terá que explicar por que non quere estes beneficios para as veciñas e veciños, e terá que explicarlle ás comunidades de montes por que impiden unha iniciativa que contribuiría ao desenvolvemento dos nosos montes", indican dende o BNG. Os nacionalistas consideran aberrante que tras sufrir danos atroces nos montes tras a vaga de incendios, “o PP prefire boicotear ao goberno en vez de apoiar este tipo de iniciativas ​que poden contribuír a mudar a situación actual dos montes”.

​O BNG lembra que a comunidade de montes de Xinzo ven desenvolvendo dende 2008 un proxecto pioneiro e innovador destas características, consistente nunha planta de fabricación de achas a partir de cortas e de rozas de árbores no monte para logo abastecer a caldeira para a calefacción do Centro Cultural da parroquia.