O BNG insta ao PP a pedir perdón aos ponteareáns por arruinar o Concello

O BNG insta ao PP a pedir perdón aos ponteareáns por arruinar o Concello

Belén Villar foi incapaz de elaborar un só orzamento en catro anos

O BNG sae ao paso das recentes declaracións do PP relativas aos orzamentos que veñen de aprobarse en Ponteareas. O BNG lembra que “Belén Villar e o PP non están en condicións de dar leccións económicas, xa que en catro anos foron incapaces de elaborar nin un só orzamento municipal”. Nese sentido, o Bloque insta ao PP “a pedir perdón por arruinar ao Concello, e se lle queda un mínimo de decencia política marchar para casa polo desastre realizado ”.

En canto ás críticas dos populares polo endebedamento, o BNG indica que se trata de “financiamento sen intereses para obras e investimentos necesarios que as veciñas e veciños levan anos agardando e que agora se poderán realizar grazas á boa xestión económica do goberno de Represas”.

Dende o Bloque contrapoñen esta situación á que provocou o PP, “que endebedaron sen límites ao concello e por riba privaron á veciñanza de servizos básicos”. Como exemplo, o BNG sinala que “no 2013 Villar e o PP aprobaron un préstamo con intereses, que Ponteareas tería que soportar ata 2023, para pagar orquestras, alimentos ou pins”. “Ese préstamo vai ser cancelado polo goberno de Represas grazas ao resultado positivo das contas de 2017”, matiza o BNG.

O goberno de Represas sacou ao concello da UCI económica despois de pagar 10 millóns de euros en débedas e intereses de demora

Así mesmo, o BNG lembra que os préstamos a custe cero concedidos actualmente ao Concello proceden do Fondo de Cooperación da Xunta de Galiza, que permiten a concellos ben xestionados como Ponteareas acollerse a estas convocatorias. O BNG destaca que “coa mala xestión económica de Villar e do PP, o concello non podía endebedarse hai tres anos, porque xa sumaba en torno a 10 millóns de euros en débedas e intereses de demora que o goberno de Represas tivo que afrontar para sacar a Ponteareas da UCI económica”.