O BNG forzou a bonificación, neste curso, das taxas do Conservatorio ás familias numerosas

O BNG forzou a bonificación, neste curso, das taxas do Conservatorio ás familias numerosas

Solla volve suspender o Pleno para impedir o debate de iniciativas do BNG sobre as bases do plan de emprego e as medidas para reactivar o comercio

O BNG de Ponteareas valorou negativamente a actitude do Alcalde e do PP no Pleno celebrado esta semana. O goberno do PP pretendía modificar as ordenanzas do Conservatorio e da Escola de Música pero sen aplicar as bonificacións nas taxas ás familias numerosas, no curso actual 2013-2014, como demandou a ANPA do Conservatorio no pasado mes de decembro. O Alcalde, por terceiro mes consecutivo, volveu a facer un uso despótico do seu cargo para impedir o debate de varias mocións do BNG sobre temas de interese social como as bases de contratación de persoal con cargo aos plans de Cooperación da Xunta e de emprego da Deputación ou para aprobar medidas que permitan reactivar o comercio local.

En palabras do portavoz do BNG, Xosé Represas, “no Pleno púxose en evidencia a incapacidade do PP para gobernar Ponteareas, superado pola grave situación do concello e desbordado polas iniciativas e o traballo do BNG”. Segundo os nacionalistas, “resultaron patéticas as intervencións do Alcalde e a do concelleiro de Tráfico e Seguridade, Jesús Antonio Fernández. Non foron quen de responder polas súas responsabilidades, tal como lle requiriu o BNG”.

 

A rectificación das ordenanzas, do Conservatorio e da Escola de Música, volverá a Pleno o 28 de abril co informe de Intervención para a súa aplicación no curso 2013-2014

acordo_conservatorio

Sobre as taxas do Conservatorio e da Escola de Música, o BNG “forzou” a rectificación das ordenanzas para a aplicación, no actual curso 2013-2014, das bonificacións do 50% para as familias numerosas e do 100% para as familias numerosas especiais, nas taxas de matrícula e cuotas mensuais, como demandou a ANPA en decembro do pasado ano en base a lei 40/2003.

 

Logo dun receso de 10 minutos, solicitado polo portavoz do BNG para consensuar un acordo e ter en conta a opinión do presidente da ANPA do Conservatorio, presente no Pleno con outros directivos e pais, aprobouse por unanimidade a proposta do BNG de retirar da orde do día a modificación das ordenanzas, tal e como as presentara o goberno do PP e contemplar a aplicación das bonificacións xa neste curso 2013-2014. O Pleno extraordinario previsto para o vindeiro 28 de abril debaterá a rectificación das ordenanzas contando co correspondente informe de Intervención.

O portavoz do BNG afirmou no Pleno que “a aplicación destas bonificacións para todo o curso é unha cifra ridícula para o Concello, 10.000 euros, pero significativa para as familias numerosas que teñen os seus fillos na Escola de Música ou no Conservatorio”. Represas engadiu que o goberno do PP tomou outras decisións no Conservatorio, no curso actual, que representan un incremento de custes moito maior, sen que se coñezan reparos económicos por esas decisións. Logo de que o Alcalde declinara a súa responsabilidade política por pospoñer esta decisión, Represas retou a Solla a delegar en calquera concelleiro ou concelleira do BNG as competencias para tramitar a rectificación das Ordenanzas.

 

O BNG critica que o PP obrigue a aprobar un convenio para a nova Escola Infantil que non garante o funcionamento a cargo da Xunta

carrera_plenoVerónica Carrera, concelleira do BNG de Ponteareas, que interveu na proposta do convenio para a construción da nova Escola Infantil, criticou que o goberno do PP na Xunta obrigue a aprobar un convenio que non garante o funcionamento do novo centro a cargo da Xunta de Galiza. “O concello de Ponteareas asume o compromiso expreso de que a nova escola infantil non supoña incremento de gasto a Xunta para o seu funcionamento e equipamento unha vez construído”.

O BNG votou a favor do convenio para non perder o 50% do custe do centro, que financia o Estado con fondos europeos, pero abstívose no punto dos custes de funcionamento futuros porque Ponteareas xa asume o funcionamento da escola infantil municipal existente e hipotecase aínda máis o concello cunha competencia obrigatoria da Xunta. O concello xa pon os terreos, paga parte da obra mentres a Xunta só paga un 10% e non asume ningún compromiso futuro.