O BNG esixirá no Parlamento Galego a continuidade da escola de San Mateo

O BNG esixirá no Parlamento Galego a continuidade da escola de San Mateo

Xuntanza_Bará_San Mateo_4O BNG, a través do deputado Luís Bará, esixirá este venres no Parlamento Galego a continuidade da escola unitaria de San Mateo de Oliveira. A día de hoxe, segundo indica o Bloque, “esta escola conta xa con sete alumnos, que continúan asistindo á aula malia a teima do goberno do PP en acabar con ela”.

O deputado Luís Bará reúnese en Ponteareas con representantes de pais e nais

Luís Bará, acompañado do alcalde Xosé Represas e da concelleira de Ensino, Cristina Fernández, mantivo unha xuntanza cunha representación dos pais e nais e a Federación de Anpas, na que trasladou unha vez máis todo o apoio do BNG ante esta decisión “inxusta e premeditada” do goberno do PP na Xunta.

Xuntanza_Bará_San Mateo_2Bará indicou “o contrasentido que supón que a Xunta publicite campañas como `Ruralízate´ mentres pecha e promove o deterioro de servizos sociais, educativos e sanitarios nas áreas rurais”. A este respecto, o deputado do BNG afirma que “para fixar poboación e evitar o declive demográfico nas areas rurais, é vital dotalas de equipamentos e servizos”. Luís Bará sinala que o goberno do PP na Xunta “está privando deste servizo a ducias de familias, xa que a súa intención de pechar a escola de San Mateo para sempre prexudica tamén aos nenos e nenas que se matricularían nos vindeiros cursos”

Villar e Sampedro preocúpanse de agradar a Feijoo en vez de defender os intereses de Ponteareas

Dende o BNG lembran que os pais e nais “seguen agardando unha resposta do goberno de Feijoo”. Neste sentido, os nacionalistas denuncian que “o PP ponteareán, en vez de esixirlle explicacións ao seu presidente, escúdanse no silencio. Belén Villar e Andrés Sampedro seguen máis preocupados de agradar a Feijoo que de defender os intereses das veciñas e veciños de Ponteareas”.