O BNG esixirá no Parlamento que a escola de San Mateo estea aberta o vindeiro curso

Luís Bará: “Dámoslle unha nova oportunidade ao PP para que se posicione”

O BNG esixirá no Parlamento que a escola de San Mateo estea aberta o vindeiro curso

O deputado do BNG no Parlamento Galego, Luís Bará, mantivo un encontro coa comunidade escolar de San Mateo de Oliveira para trasladarlles a proposta que defenderá este xoves no Parlamento para manter aberta a aula no vindeiro curso 2019/2020 e que sexan aceptadas as solicitudes de escolarización das familias.

O Deputado, acompañado do alcalde Xosé Represas e a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, indicou que “existen múltiples razóns para apostar pola escolarización no rural, e neste caso hai demanda para manter a escola aberta, xa que cando menos as familias de oito nenas e nenos solicitan a escolarización nesta aula para o vindeiro curso”

WhatsApp Image 2019-03-21 at 10.26.58“Ante a súa incomprensión, dámoslle unha nova oportunidade ao PP para que se posicione e diga se está a favor ou non das escolas rurais e da reapertura desta aula”, indicou Luís Bará, que sinalou que con esta iniciativa “saberemos se o Partido Popular di o mesmo en Ponteareas que na Xunta de Galiza ou se di unha cousa aquí para quedar ben e o contrario cando hai que tomar decisións na Xunta e no Parlamento Galego”

Así mesmo, Bará trasladou os parabéns do BNG aos pais e nais, “por estar levando a cabo unha loita exemplar en defensa da escolarización das súas fillas e fillos na súa propia parroquia, na escola de sempre, nun entorno ideal de calidade e proximidade para a educación e formación das nenas e nenos”.