O BNG esixe a dimisión de Solla e Villar “por corruptos”

O BNG esixe a dimisión de Solla e Villar “por corruptos”

villar solla pleno 0915O BNG de Ponteareas, a través do seu responsábel local Santiago Domínguez, esixiu a dimisión do exalcalde Salvador González Solla e a exconcelleira de Facenda, Belén Villar, “por corruptos”. O responsábel nacionalista salientou que a investigación policial coñecida como Operación Patos conclúe que ambos os dous concelleiros do PP cometeron delitos de prevaricación, falsidade documental e contra a facenda pública.

“Os feitos son escandalosos e as conversas intervidas a Villar son un escándalo e unha provocación para os miles de ponteareáns que levan anos sufrindo unha grave crise económica, mentres Solla e Villar se adicaban a celebrar cun empresario as contratacións a dedo que obtiña”, asegurou o nacionalista.

O BNG considera unha boa noticia “que a corrupción na que estaba instalado o PP en Ponteareas saia á luz, aínda que sexa tarde. O caso de Belén Villar é paradigmático das conexións entre empresas e institucións gobernadas polo PP, pois a concelleira, á vista das chamadas intervidas, actuaba en Ponteareas como confidente e persoa de confianza da principal empresa implicada na trama de corrupción”. Os nacionalistas lembran que “xa hai varios anos denunciamos que a empresa á que se lle deu a dedo a estación potabilizadora viña realizando regalos a Solla e os seus compañeiros de goberno, como a viaxe a Madrid e as entradas a un partido do Real Madrid, regalos que, ademais da corrupción, amosan o patetismo duns cargos públicos coñecidos internacionalmente polo soado salto pola ventá do Concello”

Os nacionalistas cren que “os implicados están xa tardando en presentar a súa inmediata dimisión, debería causarlles vergoña e pudor continuar na Corporación”.