O BNG esixe que o Concello asuma o servizo de comedor para o alumnado que a Xunta deixou sen praza

O BNG esixe que o Concello asuma o servizo de comedor para o alumnado que a Xunta deixou sen praza

Concelleir@s do BNG, Carme Adán e presidente da ANPA

O BNG de Ponteareas a través do seu portavoz, Xosé Represas, esixiulle ao goberno local do Partido Popular e ao alcalde, Salvador González Solla, a posta en marcha polo Concello do servizo de comedor escolar para o alumnado do CEIP Ramiro Sabell e dos demáis centros de ensino público de Ponteareas que a Xunta deixou sen praza.

Dende o BNG cualifican de insulto ás nais e pais do Ramiro Sabell a actuación cínica do PP, que vota no Pleno a favor da demanda do comedor e logo esquecese das nenas e nenos sen comedor. Os nacionalistas lembraron que no último Pleno foi aprobada a iniciativa do BNG, que o PP tamén apoiou, para que o “Goberno Local realizase a xestión e servizo de comedor demandado polas nais e pais, mentres a Consellería de Educación non asuma a totalidade dos menús solicitados, en igualdade de condicións que o alumnado usuario deste servizo na actualidade”.

O PP vota cinicamente no Pleno a favor da demanda e logo esquecese dos nenos e nenas sen comedor

“Solla, nin defende as nais e pais dos alumnos que quedaron sen praza de comedor escolar, nin cumpre os acordos que el mesmo vota”, manifestou Represas, que lle recriminou a Solla actuar ao servizo do PP en lugar de defender os intereses dos veciños e veciñas de Ponteareas como Alcalde.

Ademais, Represas criticou con dureza as actitudes do alcalde e do concelleiro de ensino, Andrés Sampedro, xa que "foxen dos problemas e do debate cos veciños e veciñas”. Represas explicou que a necesidade de prazas de comedor no CEIP “Ramiro Sabell” é coñecida dende xuño por Solla e Sampedro. “En cinco meses non fixeron nada por implicarse na solución deste grave problema, só se dedicaron a seguir o que lle indicou a Consellaría, deixando sen comedor a preto de 50 nenas e nenos que necesitan este servizo, xa que os seus pais precisan poder conciliar a vida laboral e familiar”, afirmou Represas

Desprezo de Feijoo aos nenos e nenas sen comedor do “Ramiro Sabell”

O BNG tamén criticou o desprezo do Conselleiro de Educación e do Presidente da Xunta, que nin se dignaron en recoller unha carta, escrita polo alumnado do Ramiro Sabell que a Xunta deixou sen comedor, na protesta que a ANPA levou no día de onte ata Santiago diante da sede da Xunta, en San Caetano, e da sede do Presidente Núñez Feijoo, en Monte Pío.