O BNG esixe a colocación dunha marquesiña escolar en Padróns como xa demandaron as nais e pais

O BNG esixe a colocación dunha marquesiña escolar en Padróns como xa demandaron as nais e pais

marquesiña_bus_Padróns_parroquiasO BNG ven de solicitar a dotación dunha marquesiña escolar na parroquia de Padróns, ao pé da estrada provincial, no cruce de A Serra e A Seca. No inicio do curso que agora remata, as nais e pais dos menores de entre 5 e 16 anos, reclamaron do goberno local do PP a instalación dunha marquesiña nesta parada do bus escolar para que os menores puideran estar resgardados da chuvia. Pasou todo o inverno e esta demanda non foi satisfeita.

O Bloque critica que os menores teñan que agardar o autobús á intemperie

Os nacionalistas consideran urxente e necesaria a colocación desta marquesiña e critican que o goberno do PP, o alcalde González Solla e o concelleiro de ensino, Andrés Sampedro, deixen aos menores a agardar á intemperie polo autobús. Uns vinte rapaces e rapazas, de ensino básico, ESO e bacharelato agardan a diario neste punto o bus escolar, e non só o alumnado utiliza esta parada, tamén as persoas maiores agardan neste lugar o autobús para desprazarse a Ponteareas.

O BNG, que cualificou de “indignante” esta situación, esixe ao goberno do PP atender esta demanda da veciñanza antes do mes de setembro para non condenar, un curso máis, aos rapaces e rapazas á intemperie. “Estamos a falar de nenos e nenas e persoas maiores. Trátase de prioridades, de demandas urxentes que teñen un fácil arranxo e non supoñen un grande esforzo económico para as arcas do municipio. O PP, Solla e Sampedro, non teñen ningunha desculpa para non realizar esta obra” afirmou o portavoz do BNG, Xosé Represas.

Para o BNG, a realización desta obra é unicamente unha cuestión de vontade política do goberno local do PP. Os veciños incluso ofreceron a súa colaboración para realizala e tampouco existe unha xustificación técnica; no lugar hai espazo público onde é posible instalar un modelo de marquesiña que non tape a visibilidade da estrada provincial.