O BNG denuncia que o PP e Solla volven a pór en perigo a empresa Ecocelta e dez postos de traballo

O xerente de Ecoelta amosa a documentación. LVG
O xerente de Ecoelta amosa a documentación. LVG
O BNG denuncia que o PP e Solla volven a pór en perigo a empresa Ecocelta e dez postos de traballo

bngponteareasO BNG de Ponteareas, a través do seu portavoz, Xosé Represas, acusou ao goberno local do Partido Popular e ao Alcalde de Ponteareas, Salvador G. Solla, de volver a pór en perigo o futuro da empresa Ecocelta pola súa obsesión de danar e prexudicar á empresa.

Para Represas, “resulta inaudito que un Alcalde se dedique a perseguir aos emprendedores que puxeron en marcha en Ponteareas unha empresa innovadora, centrada na recuperación e valorización de residuos para trasformalos en abonos orgánicos, unha empresa na que traballan unha decena de persoas. Solla e o PP, en lugar de axudar a crear emprego, son os maiores destrutores de emprego e afunden aínda máis Ponteareas” Segundo os nacionalistas “o único emprego do que se preocupa Solla e o PP é o dos seus amigos e militantes aos que coloca a dedo no Concello”.

Esiximos unha convocatoria urxente da Xunta de Portavoces para desbloquear a tramitación da licenza que o PP boicotea dende xaneiro de 2013

O xerente de Ecoelta amosa a documentación. LVG

Os nacionalistas rexistraron o 29 de agosto a petición dunha convocatoria urxente da Xunta de Portavoces para tratar sobre a tramitación da licenza solicitada por Ecocelta en xaneiro de 2013, para obras de mellora medioambiental. Esta tramitación está sendo demorada polo goberno local sen xustificación como demostra a citada empresa no recurso presentado o pasado 14 de abril de 2014, recurso e licenza que aínda están sen resolver.

Neste momento, a empresa ten concedida unha subvención de máis de 60.000 euros, que representa o 60% do importe total a investir, por parte da Consellaría de Medio Ambiente para implementar as medidas de control ambiental que impidan a xeración de lixiviados nas súas instalacións e así corrixir potenciais problemas de contaminación. Estes traballos teñen que estar certificados antes do vindeiro 30 de novembro, motivo polo que a empresa se dirixiu ao conxunto da Corporación para promover unha solución urxente a este problema.

O goberno do PP xa foi condenado en 2012, polo TSXG, por denegar outra licenza a Ecocelta

Os nacionalistas lembraron a sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, o 22 de marzo de 2012, que condenou ao goberno local do Partido Popular pola negativa a conceder a licenza de ampliación de actividade e mesma empresa Ecocelta. O TSXG, que obrigou a outorgar a licenza solicitada, por cumprir coa normativa esixida como defendía o BNG, tamén condenou ao goberno local a asumir as costas xudiciais.