O BNG denuncia que Ponteareas pagará máis de 280.000 euros en intereses de demora á FCC

O BNG denuncia que Ponteareas pagará máis de 280.000 euros en intereses de demora á FCC

Hortensia_BautistaA concelleira do Grupo Municipal do BNG no Concello de Ponteareas, Hortensia Bautista, denunciou este martes que o Concello ten que pagar 280.650,17 euros en intereses de demora correspondentes a diversas facturas dos anos 2007 a 2011 á empresa do servizo municipal de recollida do lixo.

De novo, e xa van ducias de sentenzas, o Xulgado volve a condenar a xestión económica do PP e Solla no Concello, e obriga, nesta ocasión, a pagar a FCC -Fomento de Construcciones y Contratas- esta cantidade en concepto de intereses de demora, segundo recolle unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº.2 de Pontevedra do pasado 22 de decembro que lle deu a razón á empresa e condenou ao Concello pola demora nos pagos.

Ponteareas destinuou máis cartos a pagar intereses que a investimentos

Bautista lembrou que, a falta de coñecer os datos de 2014, en 2013 Ponteareas destinou con cargo aos 13.000.000 euros dos ingresos do concello, 625.000 euros só en pagar intereses, unha cantidade moi superior a destinada a investimentos. A concelleira afirmou que este caso das débedas coa empresa de recollida do lixo é “un exemplo máis da incompetencia e do desastre de xestión do PP que levaron a bancarrota ao concello de Ponteareas nos últimos corenta anos, dende Castro a Solla.”

A orixe destes intereses está na débeda acumulada nos primeiros anos do contrato con FCC, responsabilidade exclusiva do goberno do partido Popular e do alcalde Salvador González Solla. Así entre 2007 e 2011, o goberno de Solla non pagou practicamente nada e neses anos ás débedas polo servizo de recollida do lixo chegaron a sumar 3.000.000€

A concelleira do BNG advertiu que esta condena “supón un novo despilfarro do diñeiro dos impostos de todas as ponteareás, diñeiro que podería destinarse a longa lista de prioridades do noso concello como actuacións que favorezan o emprego, servizos sociais, a mellora dos espazos públicos, obras de saneamento nas parroquias, actuacións nos centros de ensino, axudas ao deporte e a cultura  etc.”

A incompetencia do PP impide rebaixar o custe do contrato anunciado hai 3 anos

Para os nacionalistas, esta condena é unha “labazada” na propaganda do PP sobre a súa xestión no Concello e deixa en evidencia a incompetencia do concelleiro responsábel desta área, Jesús Cao, e da concelleira de facenda, Belén Villar. “Din que levan máis de 3 anos negociando coa empresa unha rebaixa no contrato pero o balance que van deixar é esta condena que incrementa o custe en 280.000 euros máis.”