O BLOQUE PRESENTARÁ EMENDAS NO PARLAMENTO GALEGO

O BNG denuncia “marxinación da Xunta” a Ponteareas nos Orzamentos para 2019

O BNG denuncia “marxinación da Xunta” a Ponteareas nos Orzamentos para 2019

Tras analizar a proposta de Orzamentos da Xunta para 2019, o BNG conclúe que “un ano máis, Ponteareas non existe no mapa de Feijoo”. O Bloque denuncia que “o goberno do PP na Xunta marxina aos ponteareáns ao non concretar nin un só euro para as actuacións prioritarias polas que as veciñas e veciños levan anos agardando”

O BNG salienta que “necesidades básicas e vitais como que a veciñanza de Ponteareas conte con auga potable ou saneamento non figuran nas previsións da Xunta”. Así mesmo, os nacionalistas piden ao Partido Popular “que concreten onde figura a partida económica para a circunvalación”, ou que aclaren “se a van contratar nos días que quedan de 2018. De non ser así estariamos ante o enésimo engano do PP aos ponteareáns”, sentencia o Bloque.

“As veciñas e veciños de Ponteareas merecen respecto”, afirma o BNG, que considera “unha burla as promesas electorais do PP para as que nunca concretan diñeiro e que nunca se fan realidade”. Por este motivo, o Bloque anuncia que nos vindeiros días presentará no Parlamento Galego unha batería de emendas ao proxecto de Orzamentos da Xunta, “para instar ao goberno de Feijoo a que faga algo por Ponteareas e non siga deixando tirada á veciñanza ano tras ano”.