O BNG denuncia o malgasto de fondos europeos que deixa sen saneamento a vivendas de Prado e Padróns

O BNG denuncia o malgasto de fondos europeos que deixa sen saneamento a vivendas de Prado e Padróns

saneamento_Padróns_parroquias

O BNG denuncia o malgasto de fondos europeos, por parte dos gobernos do Partido Popular na Xunta e no Concello de Ponteareas, no proxecto de saneamento executado nos últimos meses nunha parte da parroquia de Prado e nos barrios de A Serra e A Seca, na parroquia de Padróns.

Para os nacionalistas o goberno local do Partido Popular volveu demostrar, con estas obras de saneamento, a súa incompetencia e a utilización dunha necesidade básica só como propaganda. “O PP e Solla malgastaron parte dos máis de 800.000 euros de fondos europeos ao deixar varias vivendas situadas a carón da rede de saneamento, sen poder conectarse” afirmou o portavoz do BNG, Xosé Represas.

Durante a execución das obras, os veciños de Prado e Padróns puideron comprobar como pola despreocupación e desidia do goberno local se produciron graves erros que impiden a conexión de algunhas vivendas situadas a carón da rede de saneamento. Algúns dos casos de Prado foron resoltos, grazas ás reclamacións dos veciños e das Asociacións desta parroquia, mentres que outros quedan fora. Os nacionalistas critican as ocorrencias e a improvisación do goberno do PP, “mesmo chegaron a plantexar a instalación dunha tubería de saneamento aérea, sobre a pista, achicando a mesma, para salvar un desnivel”

A situación será debatida no Pleno, por iniciativa do BNG, para esixir de Augas de Galiza a modificación das obras de saneamento en Padróns e Prado para que as vivendas próximas á rede de saneamento instalada poidan conectarse á mesma. Os nacionalistas instan aos gobernos do PP, na Xunta e no Concello, a non asumir a recepción das obras, nin xustificar a súa finalización, mentres non se modifiquen as obras.

O BNG pedirá explicacións pola anulación da fase de saneamento a realizar en Pías

O Alcalde comparecerá no Pleno para dar conta da execución irregular destas obras e para explicar a anulación da fase de saneamento a realizar en Pías, cifrada en máis de 400.000 euros. Esta fase figuraba no proxecto inicial, con Padróns e Prado, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Os nacionalistas advertiron que, se non se evita o destrago dos fondos europeos solucionando estas graves deficiencias, levarán ao Parlamento Europeo a execución destas obras a través de Ana Miranda, cabeza de lista do BNG ás eleccións do 25 de maio.