O BNG denuncia que o goberno do PP na Xunta quere deixar a Ponteareas sen a nova Escola Infantil

O BNG denuncia que o goberno do PP na Xunta quere deixar a Ponteareas sen a nova Escola Infantil

O BNG de Ponteareas, a través do seu portavoz, Xosé Represas, denuncia que as condicións, que impón a Consellaría de Traballo e Benestar da Xunta, para construír a nova Escola Infantil de 74 prazas, poñen en risco a realización da obra. “O goberno de Feijoo só quere pagar o 10% do custe do edificio mentres obriga ao Concello a poñer os terreos necesarios e a pagar 40% da obra. O PP, que levou ao concello á bancarrota, sabe que Ponteareas non pode endebedarse para asumir esta obra e quere deixar a Ponteareas sen a Escola Infantil” manifestou o portavoz nacionalista.

Feijoo aporta só un 10% e obriga que Ponteareas pague a metade da obra sabendo que o concello non pode asumilo

Represas aclarou que esta actuación é competencia da Xunta, “é intolerable que o goberno do PP na Xunta primeiro se negue a asumir a actual escola infantil municipal e agora pretenda que Ponteareas asuma tamén o custe do que non lle compete. A Xunta foi quen se comprometeu co Estado a participar coa mesma cantidade e agora é a Xunta a que da súa parte non pon nada ou practicamente nada, e pretende que un Concello que eles mesmos arruinaron poña a parte que lle corresponde a Xunta”

O Estado comprometeu en 2010 o 50% do custe da nova escola infantil

Os nacionalistas lembran que esta obra está financiada nun 50% polo Estado, comprometida desde 2010 dentro do programa de escola infantís Educa3. “O Partido Popular xogou electoralmente con esta necesidade básica durante os últimos anos pero nunca tivo intención de realizar a obra. Primeiro retrasou dende a Xunta a súa incorporación no citado programa estatal, nos últimos dous anos demorou dende o Concello a consecución dos terreos e por último impón unhas condicións que son inasumibles para Ponteareas. Ao PP só lle interesou a escola infantil como fogos de artificio electoral, sen importarlles que cada ano máis de 100 familias de Ponteareas queden sen praza para os seu fillos na Escola Infantil Municipal” afirmou Represas.

O custe total de construción da nova escola infantil podería aproximarse ao millón de euros. Coa resolución da Consellería, o Concello tería que aportar uns 400.000 euros máis os terreos. O 50% da obra sería a cargo do Estado e a Consellería poría menos de 100.000 euros.

O BNG denuncia que o goberno do PP na Xunta quere deixar a Ponteareas sen a nova Escola Infantil