O BNG denuncia a desidia do goberno do PP no mantemento das instalacións deportivas de Ponteareas

O BNG denuncia a desidia do goberno do PP no mantemento das instalacións deportivas de Ponteareas

pelota-de-futbol-97161O BNG de Ponteareas denuncia a desidia do goberno local do Partido Popular polo abandono no mantemento das instalacións deportivas municipais. Os nacionalistas sinalan directamente ao Alcalde, Salvador González Solla, e ao concelleiro de deportes, Alberto Novoa, como culpables do lamentable estado de deterioro das instalacións de Pardellas.

Para o BNG, esta situación contrasta coa dedicación e esforzo dos distintos equipos do concello que corren co mantemento dos seus campos de xogo sen apoio municipal. Por iso, o BNG propón recuperar os 40.000 euros de axudas aos clubs deportivos de 2014 que o Partido Popular desviou para pagar outros gastos correntes. Os nacionalistas reclaman unha convocatoria urxente para esta tempada, en xaneiro de 2015, e outra no inicio da vindeira tempada, para compensar a prexuízo causado polo goberno de Solla e Novoa aos clubs deportivos ao deixalos sen subvencións en 2014.

O abandono xa foi transmitido polos usuarios a Solla e Novoa en varias ocasións

Os nacionalistas comprobaron o estado das instalacións logo das queixas recibidas de usuarios das áreas deportivas municipais. “Non é unha situación puntual, este abandono xa foi transmitido polos usuarios a Solla e Novoa en varias ocasións, hai unha absoluta falta de mantemento dos campos de xogo e das instalacións en xeral dende hai anos, situación que incluso provocou un escrito de reclamación dos nenos e mozos de fútbol base que utilizan Pardellas”, afirmou Xosé Represas, portavoz e candidato do BNG á alcaldía de Ponteareas.

O BNG reclama do goberno local do PP que, xa que non fan nada, cando menos se preocupen de manter as instalacións. “Novoa terá que responder da súa responsabilidade política como concelleiro de Deportes e polo persoal ao seu cargo, terá que dar contas do qué fan ao longo do ano; da degradación das instalacións deportivas municipais, das demandas dos clubs deportivos que se negan a atender e das continuas improvisacións que se levan a cabo no Servizo de Deportes a causa da súa desidia” indicaron os nacionalistas, que cualificaron de desesperante a inactividade do goberno local.

Os nacionalistas afirmaron que analizarán con todas as entidades deportivas a situación do sector e reclamarán as actuacións inmediatas a realizar nestes meses.