O BNG defenderá no Pleno deste martes o mantemento dunhas pensións dignas

O BNG defenderá no Pleno deste martes o mantemento dunhas pensións dignas

O Pleno do Concello de Ponteareas, que se celebra este martes ás 20 horas, debaterá unha iniciativa do BNG para o mantemento dunhas pensións dignas para as galegas e galegos. A Portavoz Municipal do BNG, Hortensia Bautista, asegurou que “o sistema público de pensións é totalmente viable”, e sinalou que “as dúbidas que se están a xerar arredor da súa viabilidade son interesadas para favorecer precisamente os plans privados e seguir no camiño de recorte das pensións públicas”.

A iniciativa do BNG, segundo indica Bautista, pasa pola “aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos como consecuencia das sucesivas contrarreformas laborais”. A concelleira do BNG aclara que esta lexislación “ten que favorecer dereitos e regulacións novas que melloren as condicións de vida e de traballo e fortalezan á clase traballadora diante do capital, para favorecer a creación de emprego de calidade como mellor vía para garantir ingresos que permitan o pago das pensións”.

Paralelamente, o BNG propón ao Pleno instar á Xunta de Galiza a incrementar a contía do <Fondo extraordinario, perceptores subsidios e pensións non contributiva>, “de xeito que cada persoa prestataria de pensión non contributiva perciba un incremento de 100 euros mensuais na mesma”, explicou Hortensia Bautista.

O BNG realiza estas propostas ao entender que “as medidas que está a adoptar o goberno español son especialmente mesquiñas para as galegas e galegos”. “Primeiro, porque en Galiza temos as pensións máis baixas do Estado español e unha maior porcentaxe de pensionistas en relación á súa poboación, e segundo porque se suma a outras medidas tamén tremendamente inxustas, como son o copago polos medicamentos, polas residencias, a suba do ive, da auga, da luz ou dos carburantes”, concluíu a Portavoz do BNG.