O BNG cualifica de “patéticas” as críticas de Belén Villar pola Estación de Autobuses

O BNG cualifica de “patéticas” as críticas de Belén Villar pola Estación de Autobuses

bautista_represas

A portavoz do BNG e concelleira do goberno local, Hortensia Bautista, amosou a súa “incredulidade”, ante as declaracións da edil do PP, Belén Villar, quen acusou ao goberno municipal de mentir en relación coa Estación de Autobuses.

Segundo Bautista, “Belén Villar non é ninguén para dar leccións a este goberno e carece de calquera credibilidade despois de ser acusada pola policía de graves delitos, entre eles o de falsificar documentos públicos e as contas de varias subvencións”.

A exconcelleira do PP asegurou nas súas declaracións que “a estación de autobuses non terá coste para o Concello este ano” e rebaixou os gastos dos últimos anos a 57.000 euros. Hortensia Bautista indicou que “Villar non se entera e descoñece as cifras oficiais facilitadas polos servizos económicos do Concello que elevan o gasto a 200.000 euros”. A concelleira do BNG engadíu que “non nos estraña que fale sen ter nin idea, pois agora xa sabemos que cando Villar era concelleira de Facenda, en lugar de preocuparse por devolver á Xunta a Estación de Autobuses ou cobrarlle ao concesionario da grúa, adicábase a brindar con champán polos contratos a dedo millonarios que recibía o principal implicado na operación Patos”, indicou a concelleira en referenza as gravacións das conversas telefónicas entre Villar e Enrique Alonso Pais intervidas pola UDEF e nas que este último convidaba a Belén Villar a sacar o champán para celebrar que “nos dieron 800.000 euros por la cara” en relación coa concesión a dedo dun contrato.

Se tivese un mínimo de sentido da vergoña iríase para casa e pediría perdón aos ponteareáns

Bautista acusou de “patetismo” a Villar “pois se tivese un mínimo de sentido da vergoña iríase para casa e pediría perdón aos ponteareáns”. A concelleira do BNG aclarou que “o Concello non vai pechar a Estación de Autobuses como declara Villar desde a súa ignorancia supina. Iso é imposíbel porque a Estación é da Xunta e non do Concello. O que faremos será non pagar nin un euro máis por un servizo que non é noso. Se alguén pecha a Estación será a Xunta, propietaria do edificio e titular do servizo”.