O BNG cualifica de hipócrita ao goberno local do PP con relación á violencia de xénero

O BNG cualifica de hipócrita ao goberno local do PP con relación á violencia de xénero

carrera_plenoO BNG de Ponteareas, a través da concelleira Verónica Carrera, cualificou de “hipócrita e cínica” a postura do goberno local do PP en relación á violencia de xénero por “querer agora consensuar un manifesto condenando a violencia machista cando ao mesmo tempo non poñen en marcha as medidas necesarias para evitar esa violencia e deixan perder subvencións para levar a cabo iniciativas para a promoción da igualdade, a prevención e tratamento integral da violencia de xénero ou o fomento da conciliación familiar”.

Os nacionalistas lembran a actitude “covarde” do alcalde Salvador G. Solla, no Pleno do martes 18 de novembro, por levantar a sesión para impedir dar explicacións pola perda destas axudas e a reprobación da concelleira de Servizos Sociais, Rosa Carrera.

É hipócrita querer condenar unha vez ao ano a violencia machista e non facer nada pola igualdade en todo o ano

A concelleira do BNG dixo que “é hipócrita querer condenar unha vez ao ano a violencia machista e non facer case nada durante todo o ano para fomentar a igualdade, un dobre discurso de quen busca a foto dun manifesto ou se concentra tras cada asasinato ao mesmo tempo que perde axudas para políticas de igualdade.”

A concelleira nacionalista lembrou que no que vai de ano, en Galiza son xa 7 as mulleres mortas a mans das súas parellas ou exparellas. Lamentablemente, “a violencia machista non remite” afirmou Verónica Carrera, quen engadiu, “non é suficiente con declaracións e manifestos, dende os poderes públicos hai obriga de adoptar medidas concretas para erradicar as mortes machistas”