NEMESIO BOENTE: “A VECIÑANZA DE PONTEAREAS NON MERECE ESTAS FALTAS DE EDUCACIÓN DO PP”

O BNG critica que o PP actúe nos Plenos como se estivese no patio do colexio

O BNG critica que o PP actúe nos Plenos como se estivese no patio do colexio

O BNG lamenta un novo espectáculo vergonzoso ofrecido polo PP de Ponteareas na sesión ordinaria do Pleno Municipal. O Responsable Local do BNG, Nemesio Boente, critica a actitude do Partido Popular, “que demostrou unha vez máis a súa falta de educación e respecto aos veciños e veciñas de Ponteareas e á Corporación da que forman parte, e reproduciu actuacións máis propias do balbordo dun patio de colexio que dun Pleno Municipal que representa a toda a cidadanía ponteareá.”

Dende o BNG explican que “o  PP impediu, unha vez máis, o normal desenvolvemento do Pleno con berros, interrupcións, malos modais e expresións vulgares impropias dun representante público que por respecto á veciñanza non imos reproducir. Tras as continuas advertencias do presidente da Corporación, este viuse na obriga de expulsar a un concelleiro do Pleno.”

Policía Local plenoO Bloque sinala que “ante a negativa do concelleiro do PP a abandonar o escano, tal como indica a lei, a Policía Local tivo que proceder a indicarlle ao concelleiro que cumprise as normas e se retirase”. A continuación, “como é habitual, o PP abandonou o Pleno contando coa complicidade de ACiP”, indican os nacionalistas.

Nemesio Boente lembra que “os concelleiros e concelleiras son elixidos para representar á cidadanía de Ponteareas, e esta non merece as faltas de educación constantes que se reproducen dende a bancada popular”. “Entendemos que poida haber nerviosismo entre os concelleiros do PP nestes meses, pero tras todo o dano feito deberían pedir perdón aos veciños e marcharse definitivamente para casa”, concluíu o Responsable Local do BNG.