O PP SOLICITA AGORA O MESMO QUE REXEITOU HAI DOUS MESES CANDO O PROPUXO O BNG

O BNG critica o descaro do PP por xogar coa seguridade da veciñanza de Ponteareas

O deputado do BNG, Luís Bará, na súa visita á PO-403
O deputado do BNG, Luís Bará, na súa visita á PO-403
O BNG critica o descaro do PP por xogar coa seguridade da veciñanza de Ponteareas

O BNG de Ponteareas sae ao paso das recentes declaracións do Partido Popular referentes á seguridade viaria da estrada PO-403. Segundo manifestan, “o descaro do PP non ten límites, xa que o BNG ven reclamando dende hai anos unha mellora na seguridade desta estrada que une Ponteareas con Salvaterra, e o PP sempre se amosou contrario a esta actuación”.

"Lamentamos que agardasen tantos anos para solicitar agora o mesmo que rexeitaron sempre que o propuxo o BNG”, sinalan os nacionalistas, que levan anos reclamando actuacións urxentes neste tramo. O exemplo máis recente foi no pasado mes de novembro, cando o BNG presentou emendas aos Orzamentos da Xunta para reservar unha partida económica para a mellora desta estrada e a dotación de beirarrúas neste 2018. O PP votou en contra, deixando tirados aos veciños e veciñas de Ponteareas ao non destinar nin un só euro dos Orzamentos para esta prioritaria actuación.

Dende o Bloque acusan ao PP de cínicos, e ínstanos a deixar de xogar electoralmente coa seguridade das veciñas e veciños de Ponteareas. “O que ten que facer a Xunta -sinalan dende o BNG- é pórse a traballar dunha vez para realizar estas necesarias obras de mellora, dado que é a súa obriga e a súa competencia”