O BNG cre que Nava Castro e González Carrera deben renunciar aos seus cargos tras a orde de demolición do Eroski

A licenza concedida ilegalmente en 2002 ao Eroski pode provocar prexuízos económicos millonarios ao Concello
O BNG cre que Nava Castro e González Carrera deben renunciar aos seus cargos tras a orde de demolición do Eroski

O BNG de Ponteareas, a través da súa portavoz municipal, Cristina Fernández Davila, explicou que a orde de demolición do hipermercado Eroski por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia “é unha consecuencia máis do caos e as ilegalidades urbanísticas cometidas durante décadas pola dereita en Ponteareas”.

Fernández Davila lembrou que a licenza de obra se concedeu en 2002 sendo alcaldesa Nava Castro, hoxe no PP, e sendo concelleiro do seu goberno Juan Carlos González Carrera, hoxe edil da oposición no grupo ACIP. A portavoz do Bloque lamenta que “nin o PP nin ACIP asumen responsabilidades políticas por aquela ilegalidade que pode custar aos ponteareáns indemnizacións millonarias a favor dos que construíron a nave comercial amparados por unha licenza de obra. Nava Castro e Juan Carlos González son responsables dese dano e deberían asumir a súa culpa renunciando aos seus cargos públicos”.

Por último, Cristina Fernández salientou “que o actual goberno de Represas fixo o que está na súa man para evitar ese grave dano económico para Ponteareas, sacando adiante o PXOM que pode evitar a demolición. Pola contra, PP e ACIP, desde a súa irresponsabilidade partidista e sen importarlle Ponteareas, votaron en contra e preferían seguir sen Plan Urbanístico, o que faría irremediable a demolición en menos dun ano e o pago de indemnizacións”. A portavoz do BNG pediu “responsabilidade” á Xunta de Galicia para aprobar de forma definitiva e con rapidez o PXOM.