O BNG contrapón o balance positivo do goberno de Represas fronte á lamentable oposición do PP

O BNG contrapón o balance positivo do goberno de Represas fronte á lamentable oposición do PP

O BNG saíu ao paso das recentes declaracións do Partido Popular sobre o Pleno extraordinario do pasado día 28 e o seu papel de oposición.  O BNG de Ponteareas tamén cuestionou a lexitimidade do Partido Popular para criticar ou esixir ao novo goberno local que resolva en pouco tempo os problemas que o PP creou décadas e non foi quen de solucionar.

“Fronte a actitude destrutiva do PP, que só busca obstaculizar a acción do goberno presidido por Represas”, o Bloque lembra que “en só 18 meses, o novo goberno foi quen de por orde na situación económica do Concello, aprobar o primeiro orzamento municipal despois de seis anos, sacar adiante a aprobación do PXOM polo Pleno e xestionar a subvención de fondos europeos para modernizar Ponteareas, entre outros logros.”

Do PP non saíu ningunha iniciativa para mellorar Ponteareas

Para o BNG non é unha sorpresa a actitude do PP no último ano. Os nacionalistas fan balance do labor de oposición dos populares, indicando que dos concelleiros do PP non saíu ningunha iniciativa para mellorar Ponteareas. “Coas súas intervencións en cada Pleno demostran non ter ningún sentido do ridículo”, afirman os nacionalistas, que amosaron a súa satisfacción "polo cambio de criterio do PP, que se preocupa agora dende a oposición polo patrimonio ponteareán tras cometer durante o seu paso polo goberno múltiples atentados patrimoniais contra elementos como a Ponte dos Remedios e das Partidas, fontes, lavadoiros, muíños, atrios de diferentes igrexas e ducias de cruceiros das parroquias ponteareás". 

"O Partido Popular deberá explicarlle aos veciños e veciñas por que lle molesta tanto o novo aparcadoiro da rúa Santa Ana, que permite o estacionamento duns 100 vehículos nas proximidades da zona comercial da Praza Maior", sinalan dende o Bloque. Así mesmo, apuntan que "o PP non se entera, e ante a boa xestión do goberno local non teñen outro xeito de facer oposición que adicarse a facer ruído para distorsionar e intentar confundir á cidadanía"

 

Recollida do lixo

O BNG lembra a responsabilidade do PP no contrato de recollida do lixo coa empresa FCC. “Hai que ter moito descaro para criticar ao goberno actual por estar sen actualizar o contrato cando están pendentes os anos 2011, 2012, 2013, 2014 e 2015, o último mandato do PP completo. O goberno presidido por González Solla, coas súas decisións provocou o incremento do canon e agora pretenden botarlle a culpa ao goberno liderado por Represas, que coa súa boa xestión logrou paralizar a execución de sentencias xudiciais de máis de 320.000 euros en intereses e procurou o diálogo para tentar acadar un acordo”.