O BNG considera lamentable a oposición que practica o PP

O BNG considera lamentable a oposición que practica o PP

pleno_outO BNG de Ponteareas cuestionou a lexitimidade do Partido Popular “para criticar ou esixir ao novo goberno local que resolva en cinco meses os problemas que o PP creou durante anos ou décadas e non foi quen de solucionar”.

Os nacionalistas consideran “cómico e esperpéntico que ao Partido Popular, tras 12 anos tramitando o PXOM, lle entre a impaciencia e a ansiedade xusto ao perder o goberno”.

O BNG lembra ademais que “o PP deixou diferentes proxectos e actuacións programadas imposibles de executar por incumprir a lei. Por iso resulta inadmisible que o ex-alcalde González Solla e os seus concelleiros teñan a ousadía de acusar ao goberno de non executar esas actuacións, cando deberían dar explicacións polos prexuízos que a súa incompetencia aínda sigue causando”. Os nacionalistas refírense, entre outras, ás obras do Paseo Matutino que non se puideron levar a cabo polos informes xurídicos e técnicos negativos.

Non tiveron nin unha soa iniciativa ou proposta para mellorar Ponteareas

villar solla pleno 0915Para o BNG “non é estraña a actitude do PP, acostumado a incumprir a lei e a delinquir”. Os nacionalistas fan balanzo do labor de oposición dos populares nestes cinco meses, indicando que “non tiveron nin unha soa iniciativa nin unha soa proposta para mellorar Ponteareas. O único que demostraron foi non ter ningún sentido da vergonza e do ridículo tras coñecerse as gravacións da Operación Patos e a investigación xudicial que os acusa de corrupción. Sen importarlles Ponteareas e as súas institucións, en lugar de dimitir prefiren manterse na corporación”.

O BNG lembra que “o PP deixou o concello na bancarrota total e sumido no descontrol, a Ponteareas sen PXOM e cunha desfeita urbanística, sen saneamento na maioría do rural e cun río contaminado que xera continuas sancións. Só cun balanzo así deberían estar calados. Se a isto engadimos que co PP a corrupción, o enchufismo e o amiguismo campou as súas anchas durante décadas no Concello, o mellor que deberían facer sería pedir perdón e marchar para casa”.

Para os nacionalistas “o cambio de maio xa mereceu a pena polo simple feito de ter un goberno serio, estábel, honesto, que dá a cara ante os veciños e non salta pola xanela do Concello”.