O BNG considera crucial e histórica a aprobación do PXOM

O BNG de Ponteareas, a través do seu Responsábel Local, Santiago Domínguez, amosou a súa satisfacción pola aprobación do PXOM de Ponteareas no pleno celebrado o martes.
Segundo os nacionalistas, trátase dun feito crucial e histórico, logo de trece interminables anos de tramitación, que servirá para resolver os problemas de moitas persoas e empresas e para abordar con planificación o futuro de Ponteareas.
O nacionalista salientou o amplísimo consenso logrado polo goberno municipal que preside Xosé Represas, "pois o Plan tan só tivo un voto en contra. Este é o goberno do diálogo e da capacidade de acordo coa oposición.
O BNG felicita ao alcalde e ao novo goberno municipal porque en seis meses lograron mellorar o Plan Urbanístico con cambios importantes e poñer fin a un proceso interminable de máis dunha década, demostrando a capacidade e competencia do actual goberno.
O Plan é un documento consensuado
Os nacionalistas recoñecen que o Plan é un documento consensuado, non é o plan do BNG, nin do PP nin do PSOE, cadaquén faría o plan dun xeito distinto, pero é o plan do consenso, no que todos cedemos para aprobar as directrices que rexerán o desenvolvemento de Ponteareas por un período mínimo de 12 anos.