REPRESAS FIXO MENCIÓN Á NECESIDADE DE MELLORA DA N-120 QUE CRUZA VARIAS PARROQUIAS DO MUNICIPIO CON GRAVES PROBLEMAS DE SEGURIDADE

O BNG comprométese a trasladar ao Ministerio de Fomento a histórica reivindicación de conectar o núcleo de Ponteareas coa autovía A-52

O BNG comprométese a trasladar ao Ministerio de Fomento a histórica reivindicación de conectar o núcleo de Ponteareas coa autovía A-52

O cabeza de lista de BNG-Nós, Luís Bará, participou en Ponteareas nun reparto electoral acompañado das tamén candidatas ao Senado e ao Congreso Antía Fernández, Rocío Barreiro e Patricia Mariño, xunto co alcalde Xosé Represas. Despois participaron nun acto ante máis dun cento de veciñas e veciños. Bará non perdeu a oportunidade de salientar o cambio de goberno que se produciu no Concello, e destacou o traballo a realizar por parte da nova Corporación, da que dixo “preocúpase, a diferenza doutros, das necesidades dos seus veciños e veciñas”. “O concello de Ponteareas é un exemplo da necesidade de que o BNG estea nas institucións, xa que as súas políticas se dirixen ás persoas”, destacou.

O BNG é a única garantía de que o país vai ser escoitado en Madrid

No seu discurso, o pontevedrés quixo deixar claro que “o BNG é a única garantía de que Galiza e Ponteareas vaian ser escoitadas en Madrid”, xa que nos últimos meses se demostrou que lle faltaron ao respecto ao non ser tida en conta nin nas negociacións para formar goberno nin nas políticas estratéxicas. “Votar BNG ten un dobre valor, xa que permitirá un cambio de goberno que deixe fóra ao PP e que Galiza teña voz propia”, sinalou, para engadir que nun contexto no que non haberá maiorías absolutas, a presenza dun só deputado do BNG pode ser determinante para a formación do executivo e para marcar liñas vermellas en función dos intereses dos galegos e galegas.

bara_ponteareasComo medias concretas, Bará falou da necesidade de reverter a emigración do aforro galego coa creación de instrumentos financeiros propios como unha Banca Pública Galega ou, como primeiro paso, un Instituto de Crédito e Investimento. Así mesmo, subliñou que o país pode xestionar o seu futuro “se ten capacidade de decisión e nos deixan vivir e producir” porque “ten terras, rías, mar, capacidade de aforro e xentes preparadas. Só faltan ferramentas políticas e financeiras que deixen aproveitar esa riqueza”, asegurou.

Sobre a mesa puxo as dez medidas económicas do BNG-Nós, que apostan por unha política que favoreza a creación de tecido industrial; o incremento dos orzamentos de investigación e a xestión directa dos fondos europeos destinados a innovación; unha tarifa eléctrica galega; asumir competencias financeiras desde Galiza; apoio aos sectores produtivos que ven limitada a súa potencialidade por decisións políticas impostas dende Madrid e Bruxelas; unha política de protección ambiental como panca de desenvolvemento económico; a revisión da precarización laboral e desprotección social; unha fiscalidade progresiva e garantir o financiamento dos servizos básicos.

Infraestruturas
En canto ás infraestruturas, Bará quixo deixar claro que o eixo de actuación é levar adiante unha política de infraestruturas que dinamice a economía. Neste sentido, criticou que Ponteareas sexa o único concello da provincia cuxo núcleo de poboación non teña unha conexión directa coa autovía que leva á Meseta e comprometeuse a levar a cuestión diante do Ministerio de Fomento. O candidato recolleu así as palabras do alcalde Xosé Represas, quen lembrou que se ten feito da cuestión unha clave electoral en todas as citas coas urnas, pero “levan 20 anos, uns por outros, sen tomar en serio esta necesidade, facendo só propaganda”.

represas_ponteareasRepresas, durante a súa intervención, tamén fixo mención á necesidade de mellora da N-120 que cruza varias parroquias do municipio con graves problemas de seguridade e unha alta sinistralidade. Bará destacou que, de feito, o BNG apostará pola mellora da rede estatal de estradas e o seu mantemento, xa que a día de hoxe “son moitos os veciños e veciñas que teñen que utilizalas a diario a pesares de que non garanten unha correcta mobilidade peonil nin ciclista”.

Por último, Bará pediu o voto para os veciños e veciñas de Ponteareas e lembrou que só unha forza galega cen por cen, “que non se venda a directrices de capitáns madrileños”, pode defender os intereses de Galiza.