O BNG aposta polo traballo conxunto do Concello con todas as asociacións de comercio e hostalería

O BNG aposta polo traballo conxunto do Concello con todas as asociacións de comercio e hostalería

RepresasGO portavoz do BNG en Ponteareas, Xosé Represas, informou da Comisión Municipal de Apoio ao Comercio e Hostalería de Ponteareas que se constituíu este xoves 20 de novembro coa participación de todas as asociacións do sector e todos os Grupos políticos da Corporación.

Esta Comisión Especial, para tratar todas as iniciativas de apoio ao comercio local, foi aprobada por unanimidade no Pleno do pasado mes de xuño a proposta do BNG. “Entre os obxectivos desta comisión están acordar medidas que favorezan as compras no comercio local, potenciar o mercado dos sábados, dotar de novas zonas de aparcamento ou rebaixar determinadas cargas fiscais do Concello para superar a grave situación actual”, destacou Represas.

É necesario aprobar un paquete de medidas para que Ponteareas recupere a actividade comercial

O portavoz do BNG salientou que diante do panorama polo que  atravesa o sector por mor da crise e das decisións que prexudicaron ao pequeno comercio, a mellor forma de afrontar a situación é poñer por diante todo ao que une ao sector para defender a actividade comercial e o emprego. “É necesario aprobar un ambicioso paquete de medidas, consensuadas pola Corporación con todas as asociacións do sector, para que Ponteareas recupere a súa posición de centro comercial e de servizos”, afirmou Represas.

   Potenciar os mercados dos sábados

Hai unha coincidencia total en que os mercados semanais contribúen a dinamizar o comercio e Ponteareas ten o mellor día da semana, os sábados. O portavoz do BNG insistiu na necesidade de aproveitar este potencial, para "conseguir que os sábados de Ponteareas volvan a ser o lugar comercial de referencia para toda a comarca".