O BNG apoia as propostas sociais de Ponte Solidario

O BNG apoia as propostas sociais de Ponte Solidario

Xose_RepresasO candidato do BNG á alcaldía de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou o apoio dos nacionalistas ás propostas de Mínimos Sociais presentadas pola Asociación Ponte Solidario. Estas propostas serán debatidas no Pleno da Corporación de Ponteareas que se celebrará este martes 17 de marzo. Represas indicou que as concelleiras do BNG xa ditaminaron favorablemente a moción na Comisión Informativa celebrada este mércores, votación na que tanto PP como ACIP se abstiveron.

O BNG valora o traballo de Ponte Solidario no eido dos Servizos Sociais, e a iniciativa na que propón as condicións mínimas que o Concello debe garantir ás persoas, condicións que o goberno do PP non cumpre. Para as situación de emerxencia social non valen as escusas económicas. "As necesidades básicas son un dereito humano e non poden agardar", manifestou Represas, engadindo que mentres o goberno do PP ten diñeiro para actuacións de “promoción e escaparate de Alcalde e concelleiras”, non pode dicir que non pode pagar axudas básicas.

O BNG defenderá no Pleno a aprobación dunha partida económica para levar a cabo o paquete de medidas

Grupo_pleno_outubroOs nacionalistas tamén adiantaron que defenderán no Pleno a aprobación dunha partida económica inicial para por en marcha, sen demora, o paquete de medidas de Ponte Solidario. “A asociación fixo unha proposta de mínimos sociais que compartimos, se a maioría da Corporación aproba estas medidas a consecuencia lóxica é que tamén asigne os cartos para iniciar a execución destes acordos”, afirmou o candidato do BNG.

Represas lembrou que o BNG promoveu hai un ano unha ordenanza de emerxencia social, texto que despois de estar consensuado por todos os grupos da Corporación, “no último momento PP, ACIP e PSOE eliminaron as axudas para necesidades básicas de alimentación, vestido, produtos de hixiene persoal, etc., e outras como as axudas para libros de educación infantil, para o alumnado de 3 a 6 anos das familias con escasos recursos”.

"Dende o Bloque agardamos que as tres forzas políticas rectifiquen esta decisión e aproben a moción de Ponte Solidario e a proposta do BNG para contar con diñeiro para atender estas necesidades básicas que están excluídas da ordenanza de emerxencia social de Ponteareas".