O BNG apoia e chama á comunidade educativa a secundar a folga do ensino contra a LOMCE

O BNG apoia e chama á comunidade educativa a secundar a folga do ensino contra a LOMCE

borra-lomce-OUTUBRO24O BNG de Ponteareas manifestou este martes, a través da súa Responsábel Local, Alba Fidalgo, o seu “total apoio á comunidade educativa galega que está chamada á folga para o vindeiro 24 de outubro para amosar o seu rexeitamento ás modificacións que o Partido Popular está introducindo no ensino.”

“A LOMCE é unha lei retrograda que afasta o sistema educativo de Galiza e que pretende o desmantelamento do ensino público e abre as portas á privatización, eliminando o dereito á educación das familias con menos recursos. Proba disto son as reválidas que se impoñen aos 8, 11, 15 e 18 anos coas que se pretende segregar e expulsar da educación ao alumnado con máis dificultades, forzando que só unha elite chegue ao bacharelato e ao ensino superior”, explicou Fidalgo.

Pero, para o BNG, “a LOMCE é só unha das armas que o Partido Popular utiliza para crear un ensino privatizado, ideoloxizado e ao seu propio servizo. Non se trata só da aprobación dunha lei que é rexeitada por docentes, estudantes e nais e pais; senón que é o instrumento para legalizar o proxecto educativo do Partido Popular de laminar o ensino público, por iso se acompaña de continuos recortes no ensino público, como os salvaxes recortes en bolsas, o despedimento de profesorado, a suspensión da ESO e Bacharelato en numerosos centros ou a implantación do copagamento e os recortes nos comedores escolares como sofren os máis de cen de nenas e nenos de Ponteareas que o goberno do PP na Xunta deixou fora.”

Chamamos a participar na manifestación convocada pola Federación de ANPAS de Ponteareas

FOLGA 24-OUT-miniSegundo Alba Fidalgo, “estas medidas requiren dunha resposta contundente da comunidade educativa, pero tamén da sociedade en xeral, que demostre que a sociedade galega non está disposta a asumir caladamente os continuos ataques ao ensino público por parte dos gobernos do PP.” Por esta razón, os nacionalistas chaman a secundar masivamente a folga no ensino e a tomar parte de todos os actos reivindicativos que teñan lugar con motivo desta mobilización, como a manifestación que o xoves ás 19:30 partirá dende a Casa do Concello. A manifestación está convocada pola Federación de ANPAS de Centros de Ensino Públicos de Ponteareas (FANPO).