O BNG apoia ás ANPAs na demanda á Xunta da gratuidade dos libros de texto

O BNG apoia ás ANPAs na demanda á Xunta da gratuidade dos libros de texto

O BNG de Ponteareas anunciou o apoio ás Asociacións de nais e pais na campaña emprendida para esixir da Xunta de Galiza a implantación dun sistema de préstamo universal e gratuíto para que o alumnado galego dispoña dos libros de texto necesarios para desenvolver a etapa de ensino obrigatorio, rexeitando o sistema   actual de cheques ou subvencións.

O Pleno de Ponteareas votará a petición das nais e pais a favor da gratuidade

Pleno_febreiroOs nacionalistas informaron que presentaron, para o seu debate no Pleno de Ponteareas do vindeiro 18 de marzo, a iniciativa da FANPO (Federación de ANPAS de Centros de Ensino Públicos das Comarcas Condado Paradanta e Louriña), unha moción para a que demandan o apoio de todas as forzas políticas da Corporación, co obxectivo de que o Goberno Galego retome o sistema impulsado polo goberno de coalición na Xunta, e que foi anulado en 2009 polo goberno do PP.

Os nacionalistas, que xa se posicionaran no seu día con contundencia contra a supresión da gratuidade universal dos libros de texto, aprobada polo goberno de Feijoo, comparten as demandas de nais e pais por considerar inaceptábel esta medida regresiva que, como se demostrou nos últimos anos, atenta ao carácter público e gratuíto do ensino.

Para o BNG, nun contexto económico precario, “o Goberno Galego debe recuperar a gratuidade dos libros de texto para favorecer a economía das familias, e non usar a crise como pretexto para levar a cabo políticas que mesmo supoñen un ataque frontal ás garantías fundamentais polas que o Goberno debe velar. A eliminación da gratuidade nos libros de texto supuxo un paso atrás no plano educativo e social”

A proposta das ANPAs é defendida tamén por institucións do Estado como a Defesora do Pobo que indica “o carácter gratuíto do ensino nos niveis educativos obrigatorios constitúe un instrumento dirixido a garantir o acceso de todos a tales estudos, e considera por iso que o devandito carácter gratuíto debería facerse extensivo aos libros de texto ou material didáctico utilizados para cursar os referidos niveis, o que esixe medidas que fagan posible o acceso dos alumnos aos mesmos sen custo algún”.

Tamén engade:

“Os datos aportados polas Administracións Educativas autonómicas permiten deducir que o sistema de préstamo aos alumnos dos libros de texto… resultaría inicialmente máis eficiente desde un punto de vista económico que os sistemas articulados a través da concesión de axudas económicas directas aos alumnos”.

“Os recortes de Feijoo atacan as familias que máis o necesitan, castigan aos enfermos cos repagos nos medicamentos e castigan tamén aos nenos e nenas  por estudar. o PP camiña en sentido contrario as necesidades da poboación poñendo cada vez mais dificultades no acceso á educación ”, manifestaron os nacionalistas.