O BNG agradece o apoio recibido e promete estar á altura da confianza outorgada

O BNG agradece o apoio recibido e promete estar á altura da confianza outorgada

O BNG de Ponteareas amosou a súa “enorme satisfacción” por un resultado electoral que consideran “histórico e o froito de décadas de traballo na oposición e de catro anos de goberno, cos que por fin logramos a confianza dunha maioría de ponteareáns”.

Os nacionalistas pasan de cinco a nove concelleiros na corporación, a tan só dous da maioría absoluta e case duplican o seu apoio electoral ao pasar de 2.297 a 4.099 votos (o 34%), converténdose na primeira forza política a moita distancia da segunda, o Partido Popular, que obtivo cinco concelleiros e 2.696 votos (o 22%).

O alcalde Xosé Represas agradeceu “o amplísimo apoio recibido” e afirmou ser “consciente da xenerosidade dos ponteareáns cara nós e o noso proxecto ao darnos unha confianza maioritaria. Estaremos á altura do que tanta xente espera de nós. Dixemos na campaña que despois de recuperar economicamente o Concello agora viría o mellor, e así o demostraremos con feitos e realidades nos vindeiros catro anos”.

_DSC0561 PPara o alcalde, “o apoio recibido é un recoñecemento ao difícil traballo que tivemos que facer estes catro anos. Agora, coa ampla maioría conseguida, a veciñanza outorgounos a súa confianza por catro anos máis para que demostremos o que podemos facer para transformar Ponteareas, e non os defraudaremos”.

Represas tendeu a man ao resto de forzas políticas “para traballar xuntas, desde o goberno ou desde a oposición, polos intereses de Ponteareas e para mellorar a calidade de vida da cidadanía”.