O BNG agarda que o orzamento para a circunvalación non sexa un novo anuncio propagandístico do PP

O BNG agarda que o orzamento para a circunvalación non sexa un novo anuncio propagandístico do PP

O BNG de Ponteareas fai unha valoración positiva da partida económica prevista nos Orzamentos do Estado para a construción da circunvalación de Ponteareas. Dende o Bloque lembran que esta é unha demanda histórica de Ponteareas dende a apertura da autovía no ano 1996, e agardan que non sexa un novo anuncio propagandístico do Partido Popular. “O PP debe pedir perdón polas constantes burlas aos veciños. Leva vendéndonos fume máis de vinte anos, prometendo a circunvalación en cada campaña electoral sen despois mover un só dedo para facela realidade”, aseguran os nacionalistas.

Dende o BNG manifestan que o PP, “que gobernou Ponteareas ata 2015, só estando na oposición é consciente das prioridades que as veciñas e veciños veñen demandando durante décadas na localidade”. “Eles son os únicos responsables de que a día de hoxe non exista a circunvalación, castigando á cidadanía coa súa incapacidade e o seu silencio cómplice para defender os intereses do PP antes que os intereses das e dos ponteareáns”, asegura o Bloque.

O BNG recoñece o mérito das mobilizacións veciñais

Mobilización N120En canto á partida prevista para as melloras da N-120, que cruza varias parroquias ponteareás soportando diariamente unha elevada carga de tráfico, o BNG recoñece o mérito das veciñas e veciños, que levan anos mobilizándose para esixir melloras que garantan a súa seguridade.