O BNG acusa a Villar de poñer os seus intereses políticos por diante dos de Ponteareas

O BNG acusa a Villar de poñer os seus intereses políticos por diante dos de Ponteareas

O BNG de Ponteareas, a través de Roberto Mera, número tres da candidatura dos nacionalistas ás eleccións municipais, lamentou que o PP “se negue agora a aprobar o PXOM” e acusou a Belén Villar “de antepoñer os seus intereses políticos e electorais aos de Ponteareas”.

O nacionalista considera unha “tomadura de pelo que Villar pida agora a exposición do PXOM, reunións, planos e máis tempo, cando os cambios impostos pola Xunta son públicos desde decembro. Os colectivos e centos de veciños consultaron os cambios e presentaron escritos, e incluso outro partido da oposición visitou as parroquias cos planos. Sen embargo, a señora Villar non pegou golpe nin abriu a boca porque en lugar de traballar leva meses de campaña electoral, paseando de festa en festa”.

Mera cualifica de “desfachatez” que Villar acuse ao goberno de Represas de incompetencia. “En 2016, co actual goberno, aceptáronse a maioría das alegacións da veciñanza e aprobouse provisionalmente o PXOM. Este goberno sacou adiante en oito meses o Plan que o PP, Solla e Villar tiveron paralizado durante doce anos”.

O número tres da candidatura do Bloque lembra que “a Xunta, por lei, tiña 3 meses para aprobar definitivamente o Plan, tardaron un ano e aínda por enriba rexeitárono e impuxeron, mediante unha orde oficial, enormes recortes que son públicos e se poden consultar na web da Consellería”.

Para Mera é “lamentábel que Belén Villar non se preocupara de convencer ao seu partido para que a Xunta dera o visto bo ao PXOM aprobado por BNG, PSOE e PP en Ponteareas”. Por iso cualifica de “hipócrita” que agora a candidata popular se queixe porque non lle gustan os cambios impostos desde a Xunta.

Os nacionalistas consideran urxente aprobar o PXOM polo ben de Ponteareas

O BNG considera unha irresponsabilidade a postura do PP, de cuxo voto depende aprobar o Plan con maioría suficiente. Mera cre necesario aprobar o PXOM imposto pola Xunta, “aínda que non nos guste”, porque diso depende implantar novas empresas na Lomba, crear máis emprego, legalizar actividades con ameaza de peche e demolición ou conseguir terreos para aparcamentos municipais, parques públicos ou para a nova escola infantil. “Ou aprobamos o plan que impón a Xunta ou seguimos sen plan o resto da vida”, sentenciou o nacionalista, quen retou a Villar a “explicar a emprendedores, comerciantes ou empresarios a súa negativa a aprobar o Plan”. Mera pediu ao PP e Villar “que deixen dunha vez de prexudicar a Ponteareas”.