O BNG acusa a Solla e PP de mentir sobre o Conservatorio e a Escola de Música

O BNG acusa a Solla e PP de mentir sobre o Conservatorio e a Escola de Música

bngponteareasO BNG de Ponteareas saíu ao paso das declaracións sobre o Conservatorio e a Escola de Música de Ponteareas que fixo o goberno local do Partido Popular, ao que acusan de mentir sobre ás taxas e o alumnado. “O goberno de Solla só dí a verdade cando se equivoca”, afirmaron dende o Bloque, que critican a información difundida polo Alcalde, Salvador González, a concelleira de Facenda e Persoal, Belén Villar e o concelleiro de Ensino, Andrés Sampedro.

Hai que ter falta de escrúpulos para afirmar que se rebaixaron as taxas.

Os nacionalistas afirman que o goberno do PP, “insulta á intelixencia da cidadanía e falta ao respecto de pais e alumnado do Conservatorio e da Escola de Música cando afirma que hai mais alumnado por modificar a ordenanza. Hai que ter falta de escrúpulos para afirmar que se rebaixaron as taxas”.

Dende o BNG lembraron que o que fixo o goberno de Solla, co apoio de ACIP, foi aprobar en xullo de 2012 unha suba brutal das taxas. A suba foi do 24% na cota mensual do alumnado do Conservatorio, que pasou de 24,16 a 29,90 euros para os censados en Ponteareas. Para o alumnado doutros concellos, a suba na cota mensual foi do 106%, pasou dos 24,16 a 49,90 euros. Por outra parte, na Escola de Música ás subas foron do 50% na matrícula e do 25% nas cotas mensuais para o alumando de 8 a 18 anos. Polo tanto, coa modificación da ordenanza, á que o BNG se opuxo, PP e ACIP aprobaron unha suba xeneralizada nas taxas da matrícula e nas cotas mensuais.

Solla, Villar e Sampedro expulsaron do Conservatorio ás familias con menos recursos económicos

conservatorioSobre o alumnado, segundo os datos oficiais e con relación ao curso anterior ás subas das matrículas do Conservatorio e da Escola de Música, hai 60 alumnos menos. A Escola de Música perdeu un 43% e o Conservatorio un 10% do alumnado. “Esa é a realidade e as consecuencias das políticas do PP”, manifestaron dende o BNG, que xa advertira desta perda de alumnado; “Solla, Villar e Sampedro expulsaron do Conservatorio ás familias con menos recursos económicos”

Dende o BNG tamén se referiron aos descontos ás familias numerosas. “Non foi unha decisión do goberno local, foi unha demanda da ANPA, que os nacionalistas apoiamos obrigando ao goberno do PP a levar a Pleno a aprobación destas bonificacións”. O Bloque tamén criticou o boicot de Solla, Villar e Sampedro a recoñecer este dereito das familias numerosas e citou que aínda non recibiron o diñeiro pagado demais o pasado curso.

En lugar de aforrar en enchufismo e despilfarro, decidiron que os veciños pagasen o negocio do PP

Dende o BNG lembran que o PP tomou esta decisión de subir as taxas do Conservatorio e a Escola de Música porque, en lugar de aforrar en enchufismo e despilfarro, Solla e Villar, co apoio de ACIP, decidiron que os veciños pagasen do seu o peto o negocio no que o PP converteu o Concello.

Os nacionalistas agardan que os veciños tomen nota e apoien cambiar o rumbo do Concello no mes de maio para rematar co tinglado de enchufismo, corrupción e despilfarro do PP. “Só así se poderá consolidar o Conservatorio para o futuro e manter a tradición musical de Ponteareas”