O BNG acusa ao PP de covardía por escusarse en funcionarios tralas condenas xudiciais por débedas

O BNG acusa ao PP de covardía por escusarse en funcionarios tralas condenas xudiciais por débedas

Bautista_pleno

O BNG de Ponteareas, a través da súa concelleira Hortensia Bautista, contestou con contundencia as declaracións do goberno local do PP nas que se amparaba nos funcionarios municipais para xustificar a súa decisión de non pagar facturas cunha empresa entre 1992 e 2008, débedas de máis de 400.000 euros polas que o Concello acaba de ser condenado polo TSXG. A concelleira nacionalista acusou ao PP e a concelleira de facenda, Belén Villar de “covardía e de escudarse en informes xurídicos e técnicos de funcionarios municipais para eludir as súas responsabilidades”.

Hortensia Bautista fixo mención a que era unha débeda xustificada, recoñecida polo propio goberno local do PP en 2008 e confirmada o 5 de outubro de 2012 nunha primeira sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo nº.1 de Pontevedra que xa condenara ao Concello. Agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza confirma esta sentenza. “O PP negouse a incluír a débeda no plan de pagos a provedores, que evitaría o pago dos intereses de demora, e presentou recurso xudicial incrementando aínda máis a débeda do concello”, afirmou a concelleira do BNG.

O BNG tilda de incompetente a Belén Villar

Curriculum_politico_villarOs nacionalistas tildaron de “incompetente” á concelleira de facenda e citaron parte do seu currículum nestes 3 anos. Villar é responsable de que Ponteareas non conte con orzamento dende 2010, de levar o concello á intervención por parte do Ministerio de Facenda, de mentir gravemente sobre a débeda do Concello, de contratar a ex-concelleiras do PP e continuar consolidando aos colocados a dedo no Concello, responsable das escandalosas subas de impostos e a falta de máis datos sobre a súa implicación na “operación Patos”, o seu ordenador e o seu teléfono móbil foi incautado pola policía xudicial. En definitiva, segundo o BNG, “con este curriculum Villar está inhabilitada para o seu cargo. A súa actitude culpando aos demais dun problema creado só polo PP supón unha permanente provocación”.

O BNG lamenta a falta de argumentos do Partido Popular, tendo que recorrer ás falsidades e mentiras sobre os 11 meses nos que gobernou o BNG en 2003-2004. Os nacionalistas acusan a Villar de tratar de agochar a manifesta ineptitude e incompetencia do PP con falsidades, sen ningún documento oficial que demostre que nesa época se incrementase a débeda do concello. En cambio, si está demostrado nas contas de 2012, as últimas coñecidas, a responsabilidade íntegra da Sra. Villar de que nese ano quedaron fora da contabilidade facturas por máis de 3 millóns de euros.

Lamentamos que Ponteareas siga sen rumbo, sen Orzamentos dende 2010

O BNG lembrou que o Concello de Ponteareas leva 4 anos sen orzamento, pois o último aprobado é do ano 2010. “É o resultado dun goberno paralizado e sen rumbo” lamentaron os nacionalistas. A Concelleira de Facenda, Belén Villar, comprometérase publicamente no verán de 2011 a levar os orzamentos do 2012, “en tempo e prazo”. Pasaron case 3 anos e “seguimos igual, sen orzamento e acumulando sentenzas condenatorias por débedas e intereses de demora que afunden aínda máis o concello”, afirmou a concelleira nacionalista, lembrando que nos últimos dez anos o PP só foi capaz de aprobar 3 orzamentos.