O BNG acusa ao goberno do PP en Ponteareas de ir en contra dos intereses dos veciños

O BNG acusa ao goberno do PP en Ponteareas de ir en contra dos intereses dos veciños

Pleno_febreiro_actO BNG de Ponteareas valorou o Pleno celebrado na noite do martes asegurando que “se puxo en evidencia a paralización do goberno municipal, incapaz de levar unha sola iniciativa ao Pleno, superados pola grave situación do Concello e polos problemas xudiciais”. Segundo os nacionalistas, “resultaron patéticas as intervencións do Alcalde e os concelleiros PP, mentindo e sen dar conta das súas responsabilidades”.

Salvador Glez. Solla volveu impedir que se tratasen temas de interese para os veciños ao suspender o Pleno cando comparecía a concelleira de emprego e comercio a petición do BNG. Esta suspensión foi provocada polo alcalde ao interromper a intervención dun concelleiro socialista. Deste xeito, o goberno do PP evitou responder as preguntas realizadas polo portavoz do BNG, Xosé Represas, sobre os incidentes cos postos dalgúns ambulantes na feira do día 14 e se a concelleira tolerara ou autorizara a instalación de postos ilegais como denunciara o presidente da Asociación Galega de Ambulantes.

O PP non solicitou un obradoiro de emprego para 40 persoas en paro por non destinar 45.000 euros

Sobre a perda do obradoiro de emprego, polo que compareceu Marisol Valado, a concelleira do PP escusouse na falta de fondos do concello para aportar ao proxecto como toda xustificación para nin tan sequera presentar a solicitude.

O portavoz do BNG, Xosé Represas, lamentou que o goberno local do PP demostrase que “non lle preocupe o paro e unha falta sensibilidade absoluta coas 3.200 persoas en paro que ten Ponteareas. Non hai 45.000 euros para que 40 persoas sen ingresos puidesen ter traballo e un salario durante seis meses pero si que os hai para contratar a dedo a axentes electorais do PP ou para gastos de propaganda e protocolo”. Os nacionalistas consideran que o Partido Popular e a concelleira de emprego deberían explicarlle as persoas desempregadas as razóns polas que non solicitaron un só obradoiro durante 3 anos.

Os obradoiros de emprego, que financia a Consellaría de Traballo con cargo ao Fondo Social Europeo, aportan os recursos necesarios para pagar os salarios e os concellos teñen que costear os materiais. Así, para un proxecto que daría traballo a 40 persoas en paro, o concello só tería que aportar uns 45.000 euros e recibiría en torno a 300.000. Durante 6 meses, as 40 persoas contratadas completarían a súa formación realizando obras municipais que beneficiarían a todos os veciños.

Os nacionalistas acusaron no Pleno ao PP de actuar en contra dos intereses dos ponteareáns, unha e outra vez. Seguen demostrando estar máis as ordes do Partido Popular que en atender as súas obrigas de representantes de todos os veciños. Comulgan coa reforma da lei do aborto, votan en contra da implantación dun sistema de préstamo universal e gratuíto dos libros de texto, están en contra de manter o mapa sanitario vixente ou de garantir a asistencia sanitaria as persoas que saian fora do Estado por máis de 90 días, etc.