Ana Pontón explicou en Ponteareas a proposta do BNG para darlle a Galiza máis recursos económicos

A portavoz nacional, Ana Pontón, explicou o modelo de financiamento autonómico que propón o BNG nun acto aberto á cidadanía celebrado en Ponteareas ante máis dun cento de persoas. O concerto económico, en palabras da dirixente do Bloque, consiste en ter o control e a xestión de todos os recursos de Galiza, -vía impostos ou transferencias-, e facer contas co Estado ao final de cada exercicio aportando á facenda central a cantidade que corresponda.
Este sistema permitiría acabar cos recortes en servizos públicos e sociais e permitiría ademais “unha autonomía real, única opción para avanzar”, sinalou Pontón. A xestión de todos os recursos daría a Galiza unha “verdadeira autonomía financeira” e, polo tanto, “un verdadeiro autogoberno” para promover o desenvolvemento económico, social e cultural que necesita, “sen condicionantes, nin restricións”, reclamou a portavoz nacional do Bloque.
Coas cifras oficiais de 2014, -último exercicio fiscal liquidado-, Galiza aportou ao Estado vía impostos 11.131 M€, mentres este transferiu 7.043M co actual modelo de financiamento. Se tomamos como referencia os criterios de PIB e poboación que se lle aplican a Euskadi, con concerto económico, a achega galega ao Estado sería de 630M€, o que deixa un saldo de 3.458 millóns a favor, dos que disporía Galiza.
Represas indicou que este sistema suporía unha mellora para Ponteareas
Pontón tamén explicou que este modelo de financiamento que promove o BNG aportaría máis recursos para os concellos galegos. Neste sentido, o alcalde ponteareán, Xosé Represas, manifestou que Ponteareas recibe 50 euros menos por habitante que a media do Estado español. Cun sistema de financiamento xusto, como o que propón o BNG, “o noso concello disporía de máis de 1.150.000€ adicionais que suporían unha mellora nos servizos ofrecidos á cidadanía.”
Orzamentos do Estado
Pontón salientou que o proxecto de orzamentos do Estado é unha nova constatación de ata que punto se necesita un modelo de financiamento xusto “onde o control dos nosos recursos estea ao 100% nas nosas mans para establecer prioridades de investimento e de gasto”.
É paradoxo, -argumentou-, que o Goberno de Rajoy presente unhas contas absolutamente discriminatorias con Galiza cun recortazo que implica que os galegos e as galegas imos pagar máis impostos pero imos recibir menos recursos”. “E todo iso sen que o presidente da Xunta mova un dedo”, criticou a portavoz nacional do BNG.