Aborto libre e gratuíto. O noso corpo, a nosa decisión

Aborto libre e gratuíto. O noso corpo, a nosa decisión

Adan_repartoA deputada do BNG, Carme Adán, participou na tarde do venres en Ponteareas na divulgación da campaña nacional que o BNG está a realizar en todo o país contra a reforma “involucionista e innecesaria” da lei do aborto do PP, impulsada por Gallardón, e en defensa do dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade, a través do aborto libre e gratuíto e en condicións de seguridade sanitaria.

Baixo o lema “Aborto libre e gratuíto. O noso corpo, a nosa decisión”, o BNG “pretende informar e concienciar ao conxunto da sociedade para que saiba o que representa esta reforma do PP que lexisla contra as mulleres e nos coloca, en termos de seguridade sanitaria, peor que fai trinta anos”, explicou a concelleira do BNG en Ponteareas, Verónica Carrera.

Delirio lexislativo

Adan_prazaDespois de realizar un reparto do folleto explicativo, cos membros do BNG nas prazas e rúas de Ponteareas coas medidas que o BNG defende, a viceportavoz parlamentar, Carme Adán, compareceu ante os medios na Praza Maior e cualificou de “delirio lexislativo” a reforma de Gallardón, e avogou por manter unha lei de prazos como a que está en vigor en lugar de ser substituída por unha lei de supostos como pretende o PP, “porque volve ás mulleres a unha situación de dependencia dos médicos, dos psicólogos e dos xuíces para defender o seu dereito a unha maternidade libremente escollida”.

As mulleres non necesitamos estar tutorizadas para decidir sobre se queremos ser nais

Adán puxo o foco nos recortes que está levando a cabo Feijóo “en planificación familiar, en prazas de xinecoloxía, en servizos de atención a saúde sexual e reprodutiva das mulleres”, nun exercicio de “cinismo” do presidente galego. “As mulleres somos moi responsables e non necesitamos estar tutorizadas para decidir sobre se queremos ser nais”, recalcou.

Desde o BNG explicaron que non se vai participar destes cambios que suporán unha volta ao pasado en dereitos da muller, loitaremos para que se garanta que en tódalos hospitais públicos galegos se poidan facer interrupcións voluntarias de embarazo, garantir información obxectiva e promover campañas de información sobre métodos anticonceptivos para evitar prácticas de risco.

A campaña do BNG ten un pé na rúa e outro nas institucións, xa que o Bloque presentou iniciativas no Parlamento, no Congreso e nos Concellos, e precisamente este martes, o Pleno de Ponteareas tratará a moción do BNG para rexeitar ao anteproxecto do PP e defender o mantemento da actual Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embrazo.