50 familias quedan sen praza na escola infantil de Ponteareas

50 familias quedan sen praza na escola infantil de Ponteareas

A concelleira do BNG en Ponteareas, Verónica Carrera, informou do grave prexuízo que supón, dende o pasado un de setembro, para 50 familias de Ponteareas a falta de prazas na escola infantil municipal, “das familias que solicitaron praza, quedan sen praza 50 nenos e nenas. Estes nenos e nenas non poderán acudir a unha escola infantil pública. As súas nais e pais teñen que pagar unha privada se queren compatibilizar a súa vida laboral e familiar, co esforzo económico que iso supón”, afirmou a concelleira nacionalista, quen advirte que esta cifra non reflexa a demanda de prazas públicas en Ponteareas. Hai moitas familias que xa nin solicitaron praza porque coñecen a escaseza de prazas e outras xa quedaron fóra nos últimos anos.

O PP só se lembra da nova escola infantil nas eleccións

Carrera, no pleno“Pero isto non é nada novo”, engadiu a concelleira do BNG, “dende hai anos, a demanda de prazas supera amplamente a oferta”. Verónica Carrera lembrou que Ponteareas conta con case 1000 nenos de 0 a 3 anos, e dispón de só 130 prazas na única escola infantil pública para ese tramo de idade. “O PP xogou electoralmente con esta necesidade básica, mesmo a Xunta e o Concello asinaron un convenio no que se comprometían a rematar a obra en 2013, -a súa posta en marcha, que se prevé no próximo curso 2013-2014, dicían en maio de 2012- pero logo todo segue igual. Hai unha necesidade urxente para decenas de familias ponteareás de novas prazas públicas de educación infantil, pero iso non lle interesa ao Partido Popular nin a concelleira a cargo desta área, Marisol Valado”, manifestou Verónica Carrera.

Ponteareas leva anos agardando por nova escola infantil pública

Fronte a esta situación, o Partido Popular leva anos retrasando a construción dunha nova escola infantil de 74 prazas, actuación demanda hai tempo polo BNG. A pesares de ser unha obra comprometida desde o 2010 polo Ministerio de Educación que paga o 50% do novo centro. “Primeiro o Alcalde e o PP, boicotearon este investimento e retrasaron dous anos a consecución dos terreos”, afirmou a concelleira nacionalista. ”Despois, o goberno do PP na Xunta cambiou as condicións iniciais; pasou de pagar o 50% restante das obras a só o 10% e obrigando ao Concello a asumir ó outro 40%”, engadiu Verónica Carrera.

A concelleira do BNG lembrou que as escolas infantís públicas son unha necesidade imperiosa, pois son uns recursos básicos nas sociedades desenvolvidas tanto pola súa función educativa como polo seu papel na conciliación da vida persoal e familiar.

50 familias quedan sen praza na escola infantil de Ponteareas