Villar confesa no Pleno que o PP renuncia a presentar os orzamentos para 2014 e segue cos de 2010

Villar confesa no Pleno que o PP renuncia a presentar os orzamentos para 2014 e segue cos de 2010

ponteareas_sen_rumbo_gaivotasDespois de prorrogar o orzamento de 2010 por cuarto ano consecutivo, a concelleira de facenda, Belén Villar, confesou no Pleno deste martes que o goberno do PP renunciaba a presentar os orzamentos para o presente ano 2014 por ser incapaz de axustar os gastos dentro dos límites legais e que prefería seguir coas contas desfasadas de 2010.

Esta afirmación produciuse a requirimento do portavoz do BNG, Xosé Represas, que insistiu ata en catro ocasións, “por que non presenta un orzamento?”, durante o debate da enésima operación de modificación do orzamento de 2010. “Unha improvisación máis e unha mostra da paralización do Concello e da incapacidade do PP para gobernar Ponteareas”, afirmou Represas.

Para o portavoz do BNG, esta decisión denota “a mediocridade, o fracaso e a incapacidade” do goberno do PP. Represas considera “insólito” que un goberno evite durante catro anos elaborar un orzamento, o documento que “determina as políticas a desenvolver durante todo un ano”. O portavoz do BNG convidou a Belén Villar a asumir a responsabilidade do seu fracaso presentando a dimisión, “despois de renunciar a presentar un só orzamento en catro anos só lle queda unha saída, presentar a súa renuncia como concelleira”.

represas_peO BNG apoiou a modificación do orzamento para permitir a aprobación de medidas presentadas polos nacionalistas como o incremento da partida destinada a emerxencia social e a devolución das taxas do conservatorio e a escola de música as familias numerosas, para evitar que “os veciños e veciñas sufran aínda máis as consecuencias negativas das políticas do PP”.

O portavoz do BNG indicou que a modificación de crédito proposta polo PP leva aparellada os mesmos pasos que a aprobación dun orzamento, isto é, aprobación inicial, exposición pública por quince días para alegacións e aprobación definitiva. Neste sentido, Represas citou que a aprobación do orzamento permitiría cubrir outras moitas necesidades de Ponteareas e permitiría un gasto realista dos recursos do Concello.

 

O Pleno aprobou a iniciativa do BNG para revisar a facturación da luz e sacar a concurso o subministro eléctrico de Ponteareas para aforrar no seu custe

Esta iniciativa foi positivamente valorada por todas as forzas políticas con presenza na Corporación e aprobada por unanimidade, asumindo o goberno a proposta de revisión da facturación. “É posible lograr un considerable aforro na factura eléctrica como xa teñen demostrado outros concellos”, afirmou Represas durante a súa intervención no Pleno.

A iniciativa do BNG consiste en convocar un concurso público por procedemento aberto e con total transparencia, para o contrato de subministro de enerxía eléctrica para o alumeado público e todas as instalacións municipais, adxudicando o contrato á mellor oferta económica que cumpra os criterios técnicos do concurso.