Lograr a maior axuda da historia para Ponteareas é un exemplo do bo traballo do novo goberno municipal

Lograr a maior axuda da historia para Ponteareas é un exemplo do bo traballo do novo goberno municipal

O BNG considera unha boa noticia para Ponteareas a concesión da axuda para desenvolver a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI), denominada  “Ponteareas, hábitat saudable”.  Así o manifestou a través da súa Portavoz no Concello, Hortensia Bautista, quen indicou que “o Partido Popular búrlase das veciñas e veciños atribuíndose agora os méritos da concesión desta axuda, cando nin sequera votou a favor de que se solicitase no pleno do 11 de xaneiro”.

Fronte ás declaracións do PP, nas que atribúen a concesión da axuda á súa xestión económica, a portavoz nacionalista indicou que “queren atribuírse agora os logros do novo goberno porque na súa etapa á fronte do Concello non conseguiron nada similar para mellorar Ponteareas, só conseguiron endebedar as arcas municipais sen dar ningunha explicación do que se facía con eses cartos”. Hortensia Bautista lembroulle ao PP que “a súa nefasta xestión no Concello fixo que o goberno do seu mesmo partido en Madrid retivese a Ponteareas o 50% da Participación nos Ingresos do Estado, pagando todas e todos os veciños a súa incompetencia”.

A portavoz municipal do BNG sinalou que “a concesión desta axuda, que só recibimos 12 concellos galegos, débese ao empeño do goberno encabezado por Represas de traballar día a día para conseguir que Ponteareas avance. O traballo serio, eficaz e responsable do novo goberno xa está dando os seus froitos para a mellora da calidade de vida da veciñanza ponteareá”, remachou Bautista.